En memoria
de Alexander Schmuck e para Marga do Val
Igual que
hai quen pensa que segar é unha actividade do animal, do irracional
e do bruto, tamén hai quen pensa que a crítica literaria é unha
actividade «obxectiva», «aséptica» e que acontece no baleiro
emocional e humano. Adoito sentimos falar da crítica literaria como
profesional sempre e cando deixe
de lado os afectos. O profesional enténdese como o antagónico
das relacións de amizade, de coñecerse, do amor, que se resumen a
unha serie de «interferencias» na suposta obxectividade crítica.
Non hai nada máis tipicamente patriarcal que ignorar os afectos.
Porque nada existe fóra deles, do emocional, e negalos é tan fútil
como perigoso e inhumano.
Ás veces,
para desmontar este tipo de cousas, unha ten que empezar polo máis
básico e político, polo persoal. Ese espazo onde hai quen fana e
tira pedras, onde hai quen ameaza e amordaza. Mais tamén quen dá a
man e a luz do sol. Como mulleres é nese espazo onde se negocian os
primeiros activismos que logo poden traducirse nos demais. Onde
podemos coller folgos, sacar os tempos, pensar nas liñas de cada
recensión, a enerxía para atoparnos, coidarnos e querernos. Porque,
non o podemos negar, exercer calquera tipo de activismo, da crítica
entendida dende a solidariedade feminista, implica comer horas a
outras cousas, implica investimentos emocionais que non sempre son
ben pagos. Mais con que sexan pagos algunha ca outra vez, xa
compensa.
Por
veces eses pagamentos fanse en espazos que son coma alfaias, en
persoas irrepetibles, xenerosas e discretas, compañeiras, que nos
acubillan, que fan súas as nosas angueiras sen fagocitarnos no
proceso, que son quen de poñerse ao noso carón e facernos crecer,
xermolar, nós propias pero acompañadas. Alexander Schmuck, como o
seu propio apelido indica, foi unha desas alfaias. Un compoñente da
comunidade da Sega nos afectos, unha desas persoas que coa súa
xenerosidade nos axudan a camiñar mentres outr@s
ladran, que ocupan o noso día a día, o doméstico, as chamadas
telefónicas, a acollida. Hoxe na Sega lembramos a Alexander Schmuck
como o fogar xeneroso da nosa compañeira Marga do Val e do pequeno
Tamiru. Hoxe lembramos o seu amor pola nosa lingua, mais tamén o seu
respecto polos espazos, a súa acollida. Hoxe nosoutras segadoras,
compañeiras de Marga do Val e de Tamiru asumimos o compromiso de
seguir creando a rede, man a man, dese espazo que non coñece lindes
nin marcos, que acolle sen fronteiras, como el viviu e tentar
continualo para que siga sendo o mundo un lugar habitable para Marga
e Tamiru. Para que nin sequera a morte sexa quen de desfacer os
lugares de acollida que con tanto afecto persoas como Alexander foron
quen de crear.
A Sega.
A Sega.
Comentarios
Publicar un comentario