![]() |
Imaxe da película '4 meses, 3 semanas e 2 días' |
Por Verónica Martínez Delgado
Nicolae Ceaușescu gobernou a
República Socialista de Romanía desde 1966 ata a súa execución en
1989. A súa ditadura caracterizouse pola súa crueldade, brutalidade
e represión. Un exemplo disto último foi a súa política
natalista, que prohibiu en 1966 o aborto e a utilización de métodos
anticonceptivos. Ademais o Decreto 770, da prohibición da
interrupción voluntaria do embarazo, obrigaba ás mulleres a
someterse revisións xinecolóxicas, e tamén penalizaba a aquelas
solteiras de máis de 25 anos e ás parellas sen fillos.
As mulleres en Romanía tiveron que
agardar ata 1989 e á fin
do comunismo para poder abortar de xeito legal. Lamentablemente non
foi este o caso de Gabita, unha das persoas que sofre a historia do
filme que imos comentar.
Otilia
e Gabita son estudantes universitarias e compañeiras de cuarto nunha
residencia estudantil en Romanía durante os derradeiros días do
comunismo. Gabita está embarazada e non desexa continuar co mesmo.
Por ese motivo, Otilia aluga, non sen múltiples dificultades, un
cuarto nun hotel para
que o chamado Sr Bebé
poida practicarlle un aborto a Gabita.
O
aborto é ilegal naquela altura en Romanía e ningunha das dúas
mulleres pode imaxinar o que lles vai deparar ese interminable día.
Desde
o principio da película podemos mastigar o ambiente asfixiante e
controlador que rodea ás dúas mulleres, remarcado a través da
rodaxe da maior parte da mesma en interiores. Os planos subxectivos e
de detalle axudan e colaboran a aumentar a situación de asfixia. A
cámara permanece fixa a maior parte do tempo, como a ollada da
espectadora, como testemuña e cómplice do acontecido: enfoca o
ventre da preñada, inmóbil en secuencias onde se ve á protagonista
na casa do seu mozo con varias personaxes saíndose da escena e
planos fixos que resaltan o punto de vista de Gabita e a súa
inmobilidade durante o proceso de agarda da expulsión do feto,
tirada na cama.
Efectivamente,
a asfixia e inmobilidade son tales que, calquera movemento das dúas
protagonistas é un problema e son tratadas con desprezo e
desconfianza: na residencia, no hotel, na rúa, etc.
Destacamos
que a protagonista é Otilia, a amiga da muller que está a sufrir a
gravidez. O guionista e director desfocaliza así o problema e danos
a visión máis plural e obxectiva, neste caso, da coidadora; de
feito, Gabita aparece infantilizada, inocente e irresponsable, con
grande necesidade de que alguén a acompañe. De non ser por Otilia,
Gabita non tería feito o aborto e non sabemos como finalizaría a
historia aquí narrada.
As
dúas mulleres, ao longo da película sofren
case todas as tipoloxías de maltrato catalogadas na actualidade.
O
maltrato institucional por neglixencia e abandono:
Gabita non conta coa asistencia médica precisa para asumir o seu
aborto, de xeito normalizado e legal. Ademais está a enfrontarse a
penas de cárcere por asasinato, xa que no seu caso, trátase dun
feto e non dun embrión, dado que ten máis de oito semanas. As
institucións médicas estatais desamparan e non protexen a Gabita
como lles correspondería. A maiores, tamén a abandona o pai do
feto, ao cesar na súa corresponsabilidade no proceso do embarazo. O
maltrato institucional maniféstase tamén na clandestinidade, a
pouca sensibilidade e a frialdade, mostrada no xeito en que se lles
explica como deben desfacerse do feto, sen poder darlle unha furna
que as calme: «que non se desfagan del nin enteiro, nin en anacos,
que o lancen dende un piso ben alto».
O
maltrato obstétrico: Os inicios da xinecoloxía e obstetricia
non foron moi exemplares, aló polo século XVIII, con Smellie e
Hunter, xa que asasinaron a 37 mulleres embarazadas cos seus
respectivo/as fillo/as, polo ben do saber científico e para coñecer
como acontecían os partos e poder salvar así outras vidas,
supostamente.
Continuouse
coa medicalización e a asunción de protocolos ríxidos, de costas
ás necesidades de cada muller, durante os partos, pasando de ser
paridas a enfermas, da casa aos hospitais e de partos naturais a
cesáreas e episiotomías innecesarias para maior comodidade do/as
obstetras, esquecendo as necesidades de nais e fillos/as.
Como
na maioría das consultas xinecolóxicas e obstetricias, do noso país
na actualidade, tamén o maltratador pídelle a Gabita que non
estea tensa, despois de violala, insultala e torturala, mentres lle
introduce na vaxina unha xiringa
e un tubo. Os/as facultativos/as crense no dereito de indicarnos ás
mulleres o que, cando e como nos pode ou non doer unha exploración
xinecolóxica, e pese a todo, debemos estar relaxadas, tamén como
Gabita.
O
maltrato prenatal, a través
da nai: coa súa violación, o sufrimento e estrés
psicolóxico e da precariedade de utensilios e servizos médicos
especializados durante o aborto.
As
dúas sofren o maltrato machista, físico, abuso sexual e
emocional: Reciben insultos, vexacións e violacións. O agresor
tenta xustificar a súa conduta explicando que «el corre moitos
riscos e que non debe pagar as tonterías das demais». Discute con
elas polo custo do aborto, sen ter a máis mínima consideración.
Quere probar a inocencia das súas múltiples agresións co castigo
punitivo: o culpable ten que pagar, mais a si mesmo exímese de toda
culpa porque «elas son unhas golfas e merecen o que lles está a
facer».
Non
hai imaxes explícitas das dúas violacións, malia que
o silencio cómplice das vítimas
fai a escena igualmente insoportable. Agradecemos, con todo,
que o director e guionista non se deleite no morbo e demostre
respecto polas protagonistas, xusto o que ninguén tivo con elas. As
dúas mulleres abren a billa do lavabo no baño do hotel, mentres
agardan a súa quenda para a violación, para non escoitar os
lamentos da outra e/ou os xemidos da besta. Besta que alardea
implicitamente da súa virilidade a través das violacións,
consecutivas e sen descanso, das dúas mozas. Besta que, se mo
permitides, saltando do filme á miña realidade máis próxima,
lémbrame, inevitablemente, á figura do capador de porcos, cabalos
ou carneiros, que tamén asía, na miña infancia, o temible maletín
percorrendo as casas de labranza.
A
sororidade e empatía feminista de Otilia é inmensa. Quen de nós se
deixaría violar, insultar e maltratar para axudar a solucionar un
problema a unha amiga?
Colócase
tanto no lugar de Gabita que isto se traduce na discusión que mantén
co seu mozo, ao que coloca, á sua vez, nun embarazo non desexado. A
resposta do rapaz é absolutamente insatisfactoria:
dille que casarían e fin do problema. Non se responsabiliza
de estar mantendo relacións sexuais con Otilia sen precaución. Na
casa da súa parella someten a Otilia a todo tipo de comentarios
clasistas e machistas: non debe fumar diante dos sogros, que as
rapazas deben estudar enfermería
e os homes carreiras técnicas e cales deben ser as súas aspiracións
laborais.
A
película remata cun silencio cómplice e necesario, onde se
comprometen mutuamente non volver falar do tema endexamais.
Pode
semellar esaxerada ou anacrónica a historia que Cristian
Mungiu nos conta, pero desgraciadamente é absolutamente actual.
Continuamos a vivir nunha sociedade androcéntrica e falonarcisista,
incluso nas sociedades contemporáneas máis «adiantadas»,
se entendemos adianto o económico. É o produto do arduo traballo
realizado durante séculos polas interconectadas e interrelacionadas
familia, igrexa, estado e escola.
Seguimos
a voltas coa legalidade ou non do aborto, e aínda sendo legal, en
que termos e condicións podemos ou non abortar. Non podemos escoller
de facto como parir
sen correr riscos médicos. Só previo pago se poden escoller partos
naturais e con restricións marcadas pola comodidade dos médicos,
sumando así, unha outra desigualdade e discriminación: a económica.
Para
proseguir a xerar o cambio necesario só nos resta loitar contra as
forzas históricas mencionadas máis arriba alén de con todas as
mentalidades anquilosadas proveitosamente no status
quo e
mobilizarnos para formar parte activa da outra historia, da que
estamos a escribir aos poucos.
- Título orixinal: 4 luni, 3 saptamini si 2 zile (4 meses, 3 semanas & 2 días)
- Ano: 2007
- Duración: 113 min.
-
País:
Romanía
- Director e guión: Cristian Mungiu
- Fotografía: Oleg Mutu
- Reparto: Ana Maria Marinca, Vlad Ivanod, Laura Vasiliu, Alexandru Potoceanu
- Premios: Festival de Cannes: Palma de Ouro mellor película, premio FIPRESC; Nominada ao Globo de Ouro: Mellor película de fala non inglesa; 2 Premios do Cine Europeo: Mellor película e mellor director. 4 nominacións; Premios Cesar: Nominada a Mellor Película extranxeira; Premios Goya: Mellor película europea; Asociación de Críticos de Los Ángeles: Mellor película extranxeira e actor secundario; Nominada a Critics' Choice Awards: Mellor película de fala non inglesa; National Board of Review: Top 5 - Películas extranxeiras do ano; Asociación de Críticos de Chicago: Mellor Película extranxeira.
4 meses, 3 semanas & 2 días
Reviewed by admin
on
17:21:00
Rating:

Ningún comentario: