De vella, gaiteira

María Reimóndez

Por María Reimóndez

Hai tempo que me chama a atención (ou se cadra debería dicir que me irrita) o silencio que paira sobre a figura e a obra de Vita Sackville-West. Encartada sempre na figura de Virginia Woolf e agochada na manida repetición oca de ser a “inspiración” para Orlando, a obra de Sackville-West fica invisible ou asombrada pola da outra parte. Precisamente son eses silencios de pares parellas os que creo que cómpre máis investigar. Podería unha aventurar que a vida destemida de Sackville-West non vende tanto nos círculos literarios coma a imaxe torturada de Woolf, ou ben que as “polémicas” da primeira teñen máis que ver co persoal e íntimo (ergo co máis político). Ou se cadra todo é, simplemente, que o sistema literario patriarcal e os seus canons non teñen espazo para máis dunha muller de cada época, unha de cando en vez coma unha pinga de veleno que se toma sen posibilidade de que mate.

Sexa como for, a obra de Sackville-West merece unha boa lectura dende o presente. Seguramente a súa obra máis coñecida sexa “The Edwardians” mais hoxe quérome deter nunha novela singular e sen dúbida única: “All Passion Spent”. Dende o inicio a autora pon no centro da narración un personaxe que descoloca tanto a quen le como a quen a rodea: unha vella aristocrática que acaba de quedar viúva despois dunha vida de abnegado servizo aos intereses do seu home. Chama a atención a escolla dunha muller maior, moi maior, para protagonizar unha novela, e mais dunha cunha aparente vida anódina e acomodada. Mais Sackville-West xoga coas nosas expectativas e descoloca o espellismo ante o cal nos atopamos. Faino, ademais, dun xeito maxistral, poñéndonos no incómodo lugar de quen agarda, coma os fillos de Lady Slane, o máis convencional dos finais para unha vida do máis convencional.

É así que a novela vai desentrañando as aparencias para chegar a unha persoa viva e rebelde que non deixou penetrar a ninguén no seu mundo interior como acto de rebelión máxima. A novela marca e delimita o cárcere que os condicionantes sociais impoñen ás mulleres creativas cunha mensaxe que traspasa épocas. A pesar das aparencias, o valor e determinación da moza Deborah non poden pasar desapercibidas. Cando se ve arrastrada sen moita opción ao matrimonio con Henry, o futuro virrei, o parlamentario, o home de lei, ten o valor de preguntar se despois de casar podería dedicarse á pintura. O seu home amósase compracido porque lle parece un encantador tributo feminino dedicarse á arte como divertimento e acaba propoñéndolle a Deborah que pinte acuarelas dos lugares onde se vexa na obriga de vivir con el. Deborah dille que «non era iso o que tiña en mente» e con ese acto de renuncia marca a determinación artística que ten que ser total ou non ser. Se cadra é neste xesto onde a futura Lady Slane marca o trazo do sorprendente tempo final da súa vida. A súa resiliencia a un mundo que non a comprendía é se cadra o que asegura que, contra todo prognóstico e contra vento e marea, se decida a facer da súa capa un sallo cando xa está na senectude máis marcada. Porque ela, malia as aparencias que a pretendían crear coma unha vítima de circunstancias, sempre decidiu.

Deste xeito, o groso da novela, ademais de darnos entrada no mundo interior dunha muller que botou toda a vida sendo observada dende fóra, explica de forma maxistral e chea de humor a determinación inesperada dunha anciá que se arrepón á fin ao que o mundo que a rodea agarda. Négase a exercer o papel de viúva doída e amósase liberada e feliz de poder por fin decidir por si mesma que vai coller unha casa para ela e a súa doncela Genoux (que por certo é tan vella coma ela mesma). Que vai manter amizade con dous homes que a maioría da súa descendencia observan como potenciais aproveitados da herdanza paterna. Que vai dedicar a súa vida ás conversas que nunca puido ter, a experimentar outro tipo de amor non abnegado, a rachar cos papeis de clase e convivir con Genoux coma unha igual. E, finalmente, a apoiar a unha das súas netas e non deixar que teña que exercer a renuncia e pechar o mundo creativo no seu interior. Porque Lady Slane, malia toda aparencia, é a chave que premite abrir a porta do futuro porque nunca renunciou ás aspiracións do pasado. Se cadra nada máis as adiou, á nosa vista, un chisco de máis pero á dela ata o momento perfecto.

Vita Sackville-West: All Passion Spent (1931)



Comentarios