Un verán no camping

Por Lau Ríos


Nesta banda deseñada cóntase a historia de dúas amigas que só se ven no verán: Rose e Windy. As rapazas falan de cousas que nos preocupan ás adolescentes como as discusións entre as nais e os pais (sobre os traballos da casa), o sexo e o amor entre dúas rapazas, a discriminación sobre as mulleres e o maltrato dunha adolescente, sentirse diferente, etc.

Chamoume a atención unha conversa, na páxina 240, que me fixo pensar moito en frases que escoito en clase e na tele: "Creo que es estúpido que las chicas no podamos cuidar de nosotras mismas y echemos todo a perder".

Creo que se hai mamás que lle din iso ás súas fillas é porque foron educadas en ter un home polo medio e facer o que lles ordena. Nesta banda deseñada, as protagonistas enséñannos o contrario contando elas por si mesmas os temas que lles preocupan, enfrentándose aos problemas buscando información nos campamentos ou nas películas que collen na tenda.

Rose e Windy son adolescentes como calquera das miñas compañeiras e eu mesma. Ademais as autoras contan esta historia sen esconder nada. Así, para min, é máis fácil de ler porque non parece que me traten como unha bebé e comparto as dúbidas coas protagonistas cando falan do suicidio, dos preservativos ou do aborto.

Recoméndoo a toda a xente pero, en especial, a quen está pasando da infancia á adolescencia porque nos fai pensar que os problemas da adolescencia non nos pasan só a nós, que as amigas están igual de preocupadas ca nós e que, ás veces, as nosas preocupacións tamén o son para outras persoas aínda que non nos deamos conta. A historia é sorprendente porque conta as cousas que nos interesan ás rapazas, pode axudar a resolver dúbidas da nosa idade e, ademais, que estea en banda deseñada faina moi entretida.

Jillian e Mariko Tamaki: Aquel verano (Cúpula Ediciones)


Comentarios

  1. Parabéns pola análise desta magnífica banda deseñada!

    ResponderEliminar
  2. Ola Lau! Grazas por este artigo. Demostra en poucas palabras que o mellor sempre está por vir, en vós, xente nova. E tamén pola lección tan fermosa aos que de adultos caemos ás veces naquilo que nos arrepiaba como adolescentes, esquecendo que un día estivemos aí.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario