![]() |
Butterflies, por Leanne Surfleet |
Por Eli Ríos
En abril deste
ano morreu Sue Towsend, a autora desta novela. Ao ver a nova sentín curiosidade
pola súa obra. Así foi cómo descubrín que foi unha das precursoras dun xénero
descoñecido para a literatura galega: o chick lit. Na wikipedia defíneno
como "un tipo de post-feminismo, ou segunda ola do feminismo, que vai máis
aló de presentar a muller como unha víctima dependente do criterio masculino
para encontrar a súa propia valía. O xénero pretendeu mostrar a extensa gama de
experiencias que vive a muller actual, incluíndo o amor, os namoramentos e os
problemas de xénero." Pero o que me levou até a biblioteca e coller este
libro non foi esta definición senón a curiosa coincidencia nos comentarios
negativos feitos polos críticOs
literarios.
A historia en si
decepcionoume especialmente no final (home colle en brazos á muller
desfalecida) pero, polo medio, ten parágrafos maxistrais cargadiños de humor
negro que ilustran as razóns polas que a crítica literaria tradicional non
comunga coas liñas propostas.
A trama parte do
principio do "efecto bolboreta" no que, como di o proverbio chinés,
"un pequeno bater das ás dunha bolbobreta pode ser percibido no outro lado
do mundo" ou, o que é o mesmo, se nun sistema caótico introducimos un
pequeno cambio xeraremos un efecto considerablemente grande na evolución. Así,
a protagonista, Eva, que ten cincuenta anos, casada cun astrofísico adicto ao
traballo e nai de dous xemelgos superdotados, decide que está sobresaturada e
precisa deitarse na cama para encontrarse a si mesma e descansar. O que ía ser
unha sesta de media hora remata por converterse nun ano enteiro. Este pequeno
cambio na vida familiar desencadea unhas reaccións importantes.
A familia de Eva
en ningún momento se preocupa polos sentimentos ou inquedanzas dela senón polas
consecuencias que provoca o feito da súa ausencia. Desta forma, os xemelgos
distánciase dela porque xa non lles é útil nas tarefas diárias como limpar ou
manter a orde dos seus cuartos. Brian, o home, decide buscar medicación para
Eva. Este último argumenta, na consulta médica, o mal que se sente porque ela
sempre tiña preparados pratos sabrosos e a casa aseada, porque "ella
siempre estaba allí, en la cocina" (p. 115) e, con esta nova situación,
cando Brian lle pregunta pola comida ela resposta: "hazte tú la
cena" (p.14). Isto provócalle non só ansiedade ao home senón, tamén, unha
ira terrible. Evidentemente, quen acaba sendo medicado é Brian.
Neste proceso de
procura interior e desprenderse dos hábitos e responsabilidades adquiridas (e
impostas pola sociedade), o tempo vai pasando e chega o Nadal no capítulo 31.
Nel, Eva explícalle con todo detalle (pídelle que tome apuntes), os rituais
das festas así como todo o que deberá facer porque é o que a familia espera que
se faga só ou como por arte de maxia e onde a falta de empatía é a raíña da
celebración. Brian decátase de que non será capaz de levar a cabo todo o que
lle "esixía" á súa muller porque "ni siquiera sé donde guardas
la navidad" (p.182).
Ao desentenderse
das obrigas familiares que aceptaba como un deber, Eva ten máis tempo para
pensar nas relacións familiares, nas dependencias, no propio corpo, na
maternidade... Cambia a perspectiva e mudan os propios razoamentos chegando a
realizar críticas ás mulleres que rin os machismos dos homes en frases como
"es mía de por vida" (p. 90), análises relixiosas como "Jesús
era un comunista revolucionario que fue torturado" (p.229) ou sexuais como
finxir orgasmos "porque nos da pena y somos más fuertes que él"
(p.216). Desta forma, chega á conclusión (sobre ela mesma) de que "a mi
no me gustaba la antigua Eva. Era una cobarde infeliz". E a mudanza desta
Eva que non lle agradaba, conduce, inevitablemente, ao cambio das persoas da
súa contorna máis próxima. Unha pequena variación nas rutinas que arrastrará
grandes e insospeitadas transformacións na familia, no barrio e, até, no país
desde o humor e a profunda ironía.
Sue Townsend: La mujer que vivió un año en la cama. Espasa,2013
A muller que viviu un ano na cama
Reviewed by segadoras
on
15:49:00
Rating:

Ningún comentario: