![]() |
As espigadoras (Millet, 1857) |
Por Verónica Martínez Delgado
Xa disposta e armada cos apeiros
precisos para o labor que vou comezar, esta seitura cinematográfica.
Como case todos os traballos realizados no agro, esta nova andaina
tamén é un pequeno traballo individual ao servizo do colectivo.
Apaño «o que outras sementaron»,
pasando a miña gadaña por filmes de todas as épocas, xéneros,
países e de diferentes directoras/es.
Reeducando e afacendo, para vós,
estes ollos miopes, ao ollar do xeito panorámico do cinemascope,
venme, inevitablemente, á memoria visual, o cadro As espigadoras
de Millet, 1857. París, Musée d´Orsay.
Coa
chegada da revolución industrial a Arte con maiúsculas, a produción
artística, neste caso, pictórica, tamén se viu abaneada. A obra
única e realizada de xeito manual deu paso á produción mecánica,
ao obradoiro, á factoría, onde se podían producir a baixo custe
innúmeras reproducións de calquera obra. A/os artistas que
desexaban cobrar polo seu traballo, víronse na obriga de satisfacer
os gustos estéticos da/os súas/seus clientes. Gustos que viñan
marcados, naquela altura, pola Academia de Belas Artes francesa, xa
que era a entidade moral de dereito público ao respecto dos gustos
estéticos, a que decidía o que era «bó
ou malo»
en materia de pintura, arquitectura, escultura, gravado, literatura e
música.
Algunha/úns artistas comezaron a súa
propia revolución, primando a pintura cor sobre o debuxo con liñas,
a imaxinación sobre a copia da realidade e modificando as temáticas
impostas pola Academia. Os cadros importantes debían representar a
guerreiros ou figuras graves, nunca a obreira/os ou campesiña/os.
Jean-François
Millet
decidiu ser revolucionario, mostrándonos a mulleres traballando no
agro. Tres mulleres recollen as últimas espigas despois da sega. Non
hai ningún idilio campestre na obra, só tres sólidas e recias
mulleres traballando, agachadas, a pleno sol, mostrándonos a dureza
real dos labores do campo. Con esta ollada, as tres mulleres adquiren
unha gravidade máis espontánea e verosímil que calquera heroína
ou heroe académica/o.
Se
contextualizamos no noso país, a tarefa das segadoras era ben
relevante e con importante significado, ata a chegada a inicios dos
anos 60, das primeiras Bartolini
ou
ata a chegada das colleitadoras que facían a un tempo a sega e a
malla.
Aínda que, na verdade, era ben raro ver a unha muller segando, os
fouciños portábanos os homes e reservábase para as mulleres, as
nenas e os nenos o traballo de xuntar o feixe de palla, sacudirlle os
fentos ou outras malas herbas que levase, e atalo cunha presa da
mesma palla ata facer un mollo.
Desexo, por todas elas, que non
puideron ser segadoras, só espigadoras, portar ben alta a miña
gadaña e que o meu traballo, realizado dende o grupo de crítica
literaria e cinematográfica d´ A Sega, sirva para ofrecer unha
visión crítica e plural, a bater tamén desta vez co discurso
oficial e académico como fixera Millet.
O
noso próximo encontro é co cometario do filme 4
luni, 3 saptamini si 2 zile
(4 meses, 3 semanas & 2 días), 2007, 113 min, Rumanía de
Cristian Mungiu.
Das espigadoras de Millet, ás segadoras d´A Sega
Reviewed by segadoras
on
17:08:00
Rating:

Ningún comentario: