![]() |
Cartaz da película |
Por Ánxela Lema
Moi
poucas veces me deixo levar polo feito de que un filme acade premios e demais
para sentarme a velo. Normalmente son outros os motivos
que me moven até o sofá a dicir: “vale, imos ver que me contas!”. O caso de La vie d’Adèle quizais foi diferente. A verdade ver que unha
historia entre lesbianas deu tanto que falar e que até gañou unha Palma de Ouro
confeso que chamou a miña atención. Deixando de lado que todo o que se conta
podería resumirse en media hora de filme o certo é que o que nos encontramos é
o descubrimento da sexualidade da protagonista desde os seus tempos máis mozos
con todo o conflito e inseguranzas que isto conleva. Comezando con relacións
que mantivo con homes até que descubriu á famosa Emma de cabelo azul o que
terminou por facer deste filme algo tan polémico sei agora, por fin, que foron
as escenas tan longas e explícitas de sexo, facendo do público un axente voyeur, morboso.
Porén,
logo de terminar este filme procurei críticas na internet para ver que é o que
se dicía sobre el, sobre todo desde un punto de vista feminista. Encontreime
coa grande polémica que houbo entre as actrices e o director que resultou ser
altamente patriarcal, polémicas sobre a forma en que se representa o sexo
lésbico, eloxios sobre o feito de que dúas mulleres heterosexuais puidesen
finxir tan ben o sexo homosexual (ante o que me pregunto se a xente pensa que
as personaxes que as actrices representan sempre se corresponden co seu eu real)... e diversos motivos máis que
darían para moitos outros comentarios. Aínda así, non encontrei nada que fixese
referencia ao sentimento que me achegou o filme, un sentimento en certo modo de
amor-odio.
Amor
porque realmente non podo dicir que non gostase del mais gostei desde un punto
de vista simple, quizais, xa que non deixa de ter, no fondo de todo, o típico formato de historia romántica americana.
Odio porque o que me dou en pensar é que ao final o mercado pode con todo. Un
mercado que hoxe en día aínda se move por patróns heteronormativos que sempre
deben irrumpir, semella, nun mundo que sempre se nos presenta como minoritario
e non-normal como é o homosexual. Por que senón a necesidade de achegar o
conflito dunha relación entre lesbianas cunha infidelidade con un home? Por que
presentar o lesbianismo como unha dúbida constante entre
homosexualidade/heterosexualidade? O que isto pode dar a entender é que a
homosexualidade non é algo natural senón que é algo construído desde os patróns
do hetero e iso é un aspecto que en absoluto fai deste filme algo innovador e
rompedor. Se algo había en común entre todos os comentarios que puiden ler é que
se trataba dunha historia entre lesbianas e isto, por tanto, dá para
comentarvos que é o que se entende por lesbianismo. De Adèle ser infiel cunha
muller quizais o filme si sería unha verdadeira historia de amor entre
lesbianas e quizais, quen sabe, non chegaría a tanta xente co mesmo impacto co
que chegou.
O
que intento achegar con este reflexión non é “atacar” o xiro que no filme se dá
ou os diferentes comportamentos das protagonistas senón, polo contrario,
analizar as opinións que sobre esta historia se realizaron e en que en ningún
momento se dubidou que se trataba dunha historia entre lesbianas. Que é o que
nos leva a falar de lesbianismo neste filme? Realmente podemos falar de Adèle
como lesbiana? O que a representa como lesbiana é ela en relación a Emma, xa que o resto das historias que dela se
nos achegan son sempre de tipo heterosexual. É isto o que me leva a pensar na
inutilidade das etiquetaxes que se recollen baixo o nome de orientación sexual,
na inutilidade de intentar dar nome a un campo tan variable e indetermindado
como é o das relacións sexuais. Quizais a propia Adèle podería estar a xogar a
nos desorientar na procura de deixarmos de lado, por un momento, as leis
homoxeneizantes que imperan no noso día a día (?).
Cando
apuntei cara o poder do mercado referíame ao feito de seren precisamente as
vontades de chegar a un público máis amplo, quizais, as que levaron a un
plantexamento da relación homosexual entre Adèle e Emma desde este punto de
vista en que non se fala tan só de relacións entre mulleres e en que a grande
sexualidade que os homes desprenden parece que debe aparecer dunha forma ou
outra. Nunha altura da historia en que
ambas as dúas se reencontran logo de moito tempo parece que o que sente Adèle
por Emma xa non é amor senón unha atracción física que a está a volver tola,
algo que levemente podería estar a reforzar o tópico de que as relacións entre
mulleres, moitas das veces, son puramente sexuais.
Está
claro que o importante non é se Adèle se acostou con un home ou unha muller xa
que tod*s somos resultado do momento e a orientación sexual é un concepto
social que intenta darlle resposta ao que, simplemente, non ten por que ter
resposta. O feito de que Adèle lle fose infiel a Emma con un home non fai dela
máis ou menos lesbiana, nin máis ou menos bisexual, xa que penso que non se
gaña nada catalogando este tipo de actitudes. Porén, si que resulta comentábel
o feito de que unha historia da que publicamente se fala tan abertamente como
unha historia entre lesbianas sexa exposta nuns termos que non son os que
necesariamente representan o lesbianismo, mais así, quizais, non rompe coa
disposición dicotómica dese público tan voyeur
de ollada masculina.
Comentarios
Publicar un comentario