![]() |
Imaxe da páxina 13 do libro. Eli Ríos |
Por Eli Ríos
Afirma Gianni Rodari
que "...la imaginación, en nuestras escuelas, es tratada todavía como
pariente pobre, con una ventaja total a favor de la atención y de la memoria;
si escuchar pacientemente y recordar escrupulosamente constituyen aún las
características del alumno modelo, que es, en definitiva, el más cómodo y
manejable(...) Si una sociedad basada en el mito de la productividad (y en la
realidad del beneficio) tiene necesidad de hombres a medias —fieles ejecutores,
diligentes reproductores, dóciles instrumentos sin voluntad—, quiere decir que
está mal hecha y que hace falta cambiarla. Para cambiarla, se requieren hombres
creativos, que sepan usar su imaginación"[1].
Concordo niso de que a imaxinación é a "parente pobre", no mito da
productividade e en que hai que transformar a sociedade pero non por homes
creativos que aniquilen a idea de "hombres a medias" porque estaremos
a transmitir o mesmo modelo no que a metade da poboación é totalmente
invisible: si, as mulleres. Porque tamén, hai (vou dicir unha obviedade)
mulleres creativas, con imaxinación e que non desexan ser executoras,
dilixentes reproductoras nin dóciles instrumentos sen vontade. E Elvira Riveiro
móstranos na súa obra, As redes de Inés, que outra realidade é posible
desde idades temperás.
Na etapa infantil, a
poesía é un xoguete sonoro cheo de cores que non está condicionado por normas
gramaticais e lóxicas. Simplemente é un elemento lúdico do que gozar. Neste
proceso de xogo ábrense os camiños da inventiva pero, ao mesmo tempo,
incorpórase léxico novo, contribúese á adquisición da linguaxe e refórzanse os
lazos afectivos e referenciais. Lembremos que a linguaxe é o recurso primordial
para comunicarse cos demais. Adquirila non só é obter os elementos que a constitúen
senón, tamén, os mecanismos para usala e, desta forma, conseguir unha inserción
positiva na cultura e na lingua da contorna. Se, neste período de aprendizaxe
orientado a que as experiencias vitais das nenas e dos nenos se amplien e
diversifiquen, só se presentan situacións nas que as nenas non se reflictan
estaremos escabezando toda posibilidade de ofrecer exemplos diversos que
favorezan a imitación de modelos lingüísticos e sociais cos que sentirse
identificadas. Ao mesmo tempo, aprenderémoslle aos nenos a continuar un sistema
como o que mencionaba Gianni Rodari na cita anterior.
As redes de Inés é un poemario que nos
leva, da man de Inés, a coñecer o oficio das redeiras e a ser " capaz de
ler/historias salgadas/ que me fan crecer" porque " o mundo é maior/
cando escoito a Inés". E, non só se contan as aventuras do avó Olegario ou
do tío Miguel senón as da avoa Esmeralda, a súa nai Rosa( "redeira
tamén"), "a historia da solla", "o conto da nena/ que quixo
facer/ un traxe coas redes", a " da moura/da praia de Bens" ou a
da lúa. Personaxes femininas próximas (a nai, a avoa, Inés) que fan cousas
máxicas como "virar en arte/ o seu quefacer", falan cun "sorriso
de mel" ou converten "as ondas/ nun gran consomé/ e ten redes de
ouro/que estende aos seus pés". Mulleres nas que proxectar a imaxinación e
desfrutar cos xogos de palabras, co ritmo, coas personificacións, coa
cadencia,..., sen o alleamento do xénero. Sentíndose parte e protagonistas da
lectura.
E eu sei que ela sabe,
ela sabe que eu sei...
Este texto está
artellado en fragmentos cortos e rimados que axudan a reter as imaxes sonoras. Isto
xera, tamén, unha atención máis activa e conleva un desenvolvemento na
expresión das propias experiencias vitais, ademais dun enriquecemento do
vocabulario co que poder verbalizalas. Estas imaxes son reforzadas polas
ilustracións ( de Fino Lorenzo) que funcionan como un feed-back. Coa
técnica do collage mistúranse elementos familiares nos procesos
creativos, das nenas e nenos, como o cartón, os deseños de trazos sinxelos,
retallos de xornais, etc, e xéranse composicións que amplian a información (e a
imaxinación) de quen le. Ciméntase, desta forma, unha lectura global onde a
imaxe, a harmonía, a musicalidade do verso, os recursos e os materiais forman
un todo homoxéneo para conseguir a comprensión natural da historia. Un poemario
no que a linguaxe orixina novas realidades simbólicas desde a figuración e a
creación ou, en palabras de Hamann[2],
no que "a poesía é a lingua materna do xénero humano".
Elvira Riveiro Tobío: As redes de Ines. Xerais, 2014
[1] RODARI, G., Gramática
de la fantasía, Booket, Barcelona, 2003, páx. 154.
[2] Traducción propia de "La
poesía es la lengua materna del género humano" de J.G. Hamann, Obras II, Aesthetica in nuce en
SMILG VIDAL, N., Ilustración y lenguaje en el pensamiento
de J. G. Hamann, Contrastes, vol. XVI, Universidad de Murcia, 2011, páx.
16.
As redes de Inés. Elvira Riveiro
Reviewed by segadoras
on
18:44:00
Rating:

Ningún comentario: