As fillas bravas, teatro con perspectiva de xénero. Por Chévere

As fillas bravas, espectáculo de Chévere.

Por Chévere
Artigo escrito para o I Día das Galegas nas Letras, adicado a Dorothé Schubarth.

Ai, chamáchesme filla brava
coidaches que me ferías
non me sinto avergonzada
se era eso o que querías.

Vai para catro anos estreamos un espectáculo protagonizado pola cantante dunha orquestra de pachanga. Ela chamábase Yeni, aparecía no escenario cunhas gafas de sol que lle cubrían media cara e arrincaba cun tema de Police que seguramente moitas escoitamos nalgún momento de baixón, aquel que empeza dicindo Every breath you take como se tal cousa e acaba repetindo obsesivamente unha ameaza, I’ll be watching you, i’ll be watching you..., hei estar vixiándote. Ese foi o título do traballo.

Unha obra que deseñamos e construímos pensando nun público maioritariamente adolescente e xove, ese que vai seguindo á Panorama, que ve os vídeos de Miley Cyrus, que sabe de memoria as cancións de Shakira ou Malú, que imita a Beyoncé e móvese a ritmo de reguetón. Porque é tan escandalosamente normal asimilar inconscientemente os valores que transmiten as baladas románticas que decidimos desvestilas para deixar en evidencia o que se agocha detrás desa música aparentemente neutral e apolítica. O que descubrimos foi a potencia enorme do teatro para cuestionar significados establecidos e denunciar o adoctrinamento imposto polo sentido común.

As rapazas que estaban no público identificabanse ata tal punto con Yeni, unha muller que acababa de experimentar o que supoñía ser acosada e maltratada por un home que dicía que a quería, que ao rematar a función moitas delas acudían ao camarín para expresarlle á actriz que a interpretaba a súa solidariedade e ofrecerlle o seu apoio. Aquilo era teatro, pero a intensidade coa que esas rapazas viviran a historia de Yeni fixo que unhas cancións mil veces repetidas soasen para sempre distintas na súa voz. O personaxe de Yeni viña de repolitizar a música comercial incorporándoa a un relato emocional escrito en primeira persoa. Entón fumos perfectamente conscientes de que as emocións son o camiño máis directo para cambiar as mentalidades. E o teatro, a canle más eficaz.

Despois de varios anos percorrendo toda Galicia con esta peza, agora chegou o momento de atopar novas historias para alimentar este teatro con perspectiva de xénero no que seguimos empeñadas en Chévere. A procura dunha historia axeitada que sirva de soporte para transmitir o que queres dicir segue sendo a parte máis difícil do proceso de creación. No noso caso, tiñamos claro que había que manter aqueles elementos que impactaran tan profundamente no público en I’ll be watchin you, nomeadamente a identificación emocional co personaxe de Yeni. Pero ao mesmo tempo, había que ofrecer algo moi distinto para evitar que a sensación de rutina ou repetición amolecese esa carga emotiva. Ademais, tiñamos claro que desta vez a muller que estivese no escenario non ía ser unha vítima, que a identificación con ela non podía basearse na súa condición de vítima. Puxémonos á procura dun personaxe poderoso, dun modelo de muller que pagase a pena poñer enriba do escenario pola súa forza e polo orgullo de ser o que era. Así apareceu a figura da avoa, esa muller maior que segue sendo a depositaria da memoria e o respeto, a transmisora da identidade. É ademais un xeito de reivindicar o que pode quedar de autenticidade en nós, os vencellos cada vez máis fráxiles coa memoria dun lugar e dunhas xentes, algo que nos permitirá ser alguén nun mundo dominado polo valor fugaz dun presente que se esvae tan axiña como se consume.

Porque tamén se trata de revalorizar a memoria. Confirmar que somos parte dun proceso. E que ese proceso non é unha simple historia de superación, senón que o presente está sempre sustentado no anterior e cómpre restaurar e consolidar o pasado para ter un presente e un futuro mellor. Ao final, foron tres as mulleres que saíron ao escenario, Isaura, Dosinda e Benedita, e a través delas queremos dicirlle ao público máis novo que hai que loitar para conservar os dereitos que gañamos. Puxemos moito empeño en ofrecer un retrato verosimil destas mulleres maiores, fortes e autónomas que sirva de referente próximo e real para os ideais de autonomía persoal das mulleres máis novas. E para as máis grandes, que o seu exemplo supoña un reforzo da autoestima.

Detrás dos personaxes chegaron a música e as coplas do cancioneiro popular galego, como depositarias da memoria dun pobo e transmisoras da identidade colectiva. Para nós foi toda unha descuberta. Non só o extraordinario traballo de Dorothé Schubart, que nos serviu para mergullarnos nun universo inesperadamente profundo. Senón tamén as numerosas colleitas publicadas xa no século XIX e os traballos de investigación posteriores. Descubrimos unha fonte inesgotable e especialmente rica para achegarnos á historia do noso país e ás formas de vivir e sentir das persoas que o poboaron antes ca nós. Pero sobre todo descubrimos a forza e orixinalidade dunha voz feminina incomprensiblemente silenciada do relato histórico.

A intención do noso traballo non é en absoluto académica. Tan só teatral. Queremos achegarnos a alguhas zonas nas que intuimos que a muller gozou de autonomía, extraendo textos do cancioneiro que alumean xestos de rebeldía e autoafirmación. Ademais, contamos co valor engadido que aporta a música que acompaña a estas cantigas. Un xeito de reafirmar diante do público o carácter profundamente local dos referentes que usamos, poñendo en valor a nosa cultura tradicional en relación coas preocupacións da sociedade contemporánea. De momento, estas fillas bravas xa contrastaron o poderío da súa presenza e da súa voz diante de públicos tan diversos como o da Mostra de Teatro de Cangas, o alumnado do IES de Cacheiras en Teo, as veciñas da aldea de Solleiros en Muros e un grupo de rapaces e rapazas brasileiras que facían parte dun proxecto educativo do estado de Brasilia. Agardamos que estas tres mulleres que tocan, cantan e din o que lles peta teñan moito máis percorrido, porque como as súas nais e as nais das súas todas son fillas do vento, mulleres de andar a pé do toxo, orgullosas de vir de tras da silveira, cantoras dunha estirpe de voces furtiva que berran entre raposos.


Estas si que son
bravas de verdade
non che hai mellor
para governar
para governar
e saber querer
non che hai mellor
que unha muller

---
Chévere é cultura pop, fai teatro pop, utiliza cores planas e grandes superficies. Toma a súa linguaxe do extremadamente popular e dos medios de comunicación de masas (o cine, a tv, o
cómic, a música rock, internet... ), códigos perfectamente recoñecidos polo público que Chévere trastoca, deforma ou modifica ironicamente (e cun distanciamento moi evidente, brechtiano ou non), tratando de falar ao espectador no seu mesmo idioma para establecer unha comunicación moi directa a partir dunha complicidade inmediata. Chévere inclínase sempre do lado do xogo, da invitación, do goce, do inmediato e do xenuíno en lugar de inclinarse hacia profundidades psicolóxicas, xestos aprendidos, impostación, simulación, teatralidade, encarnación... Chévere rexeita a tradición do teatro ben feito (a tradición, non o teatro) e os parámetros establecidos a este respecto, que substitúe por unha linguaxe propia. Chévere ignora o tópico do acto creador e a manifestación xestual do suxeito e renuncia á categoría de autor. A súa práctica non respeta as pautas establecidas polo teatro tradicional, pola vangarda ou pola crítica. É quen de contrapoñer o mal gusto, o banal, o non acabado, o fragmentario e o pastiche ao teatro dominante, aspecto enfatizado polo seu repertorio iconográfico (os símbolos da cultura globalizada imperante, pero tamén os da cultura moi local) e dramatúrxico (narrativa de xénero, pero tamén práctica performática, plástica, sonora, visual, poética). E a falta de respeto (pola tradición, pola vangarda, polo progresismo, polos tópicos, pola profesión...) acaba sendo un dos seus rasgos máis consistentes.

Comentarios