Semente. Por Olga Kirk

Olga Kirk e Pablo Díaz nunha actuación

Por Olga Kirk
Artigo escrito para o I Día das Galegas nas Letras, adicado a Dorothé Schubarth.

Dorothé Schubart unha muller estudada, musicóloga, que desempeñaba desde 1971 a cátedra de harmonía e contrapunto na Academia de Música de Lucerna, en Suíza, chega ao noso país nos anos 80, a unha civilización que tiña un modelo e unhas pautas moi diferentes ás centro-europeas.

Desde Lucerna fixera un enorme traballo de investigación sobre a música popular centro-europea, especialmente nos Balcáns e o Cáucaso, co cal tiña xa unha experiencia investigadora moi ampla.

Chegou aquí coa idea que alguén lle comentara do grande atraso que levabamos en canto a desenvolvemento pero tamén en canto a investigación e estudo da nosa música tradicional. Polo que ela ten manifestado, máis que atraso no desenvolvemento ela viuno como diferenzas sociais con respecto a Europa, pero si que se decatou que non se fixera un traballo profundo na investigación da tradición popular oral, sobre todo cantada, e da importancia que podía ter para a nosa cultura, algo do que non se decataban nin os propios posuidores de tal riqueza.

Tivo que resultar verdadeiramente transgresor que chegase unha muller soa, que se valía por si mesma, estudada, europea, sen falar a nosa lingua, ata aquí que acababamos de conseguir unha certa e escasa independencia marital. Parece que estamos falando de hai centos de anos, cando son simplemente trinta, pero hai que ter en conta as grandes conquistas feministas destas tres décadas, por moito camiño que nos falte por percorrer.

Para min a gran conquista de Dorothé, ademais do seu encomiable labor investigador, foi a súa capacidade de chegar a unha casa, e establecer unha relación de amizade e confidencias cos donos da casa, pero especialmente coas mulleres. Se estudamos o seu cancioneiro veremos a grande cantidade de mulleres informantes, o que nos dá a entender quen eran as grandes salvagardas e transmisoras da nosa cultura.

Xustamente uns poucos anos despois da publicación da súa grande obra galega, empezou a eclosión dos grupos de pandereteiras. Ata ese momento, os gaiteiros, homes no 99%, ostentaban o título de únicos coñecedores e representantes da música tradicional galega. Falamos por suposto, da xente das urbes que formaba cuartetos ou actuaban cos grupos de baile tocando a gaita, e que descoñecían por completo, practicamente en moitísimas ocasións chegaban ata o desprezo, o que sucedía no rural e ignoraban de que maneira ía evolucionando a tradición. Pois ben, nese marco empecei a tocar a pandeireta. Ao principio só era tocar para acompañar aos gaiteiros e pasaron anos ata que se presentou ante min a posibilidade de cantar coa pandeireta, e coñecín por que iso sucedía así. A primeira vez que vin unha muller maior tocando e cantando, tiña eu 15 anos e foi en Seia, Malpica de Bergantiños. Pareceume unha revolución: a muller maior era unha revolucionaria porque foi quen de agarrar a pandeireta e poñerse a tocar e cantar diante duns descoñecidos e obviando os posibles comentarios maliciosos dos veciños e veciñas. Pareceume tan auténtico e puro, que o meu interior tamén se revolucionou. Provocou un cambio de concepción sobre o folclore (con todas as virtudes que esta nomenclatura implica) e fixo que desaparecesen as barreiras imaxinarias que de maneira sutil estaban na miña mente e que na miña nenez me facían pensar que sempre tería que haber algún home marcando “o ritmo”.

Empecei a coñecer o traballo de Dorothé por aquela época e marcou todo o meu xeito entender a música do país, pero de igual forma, aprendeume a ver e valorar a importancia da muller na pervivencia, conservación e divulgación, xa que hoxe somos máis mulleres que homes as que nos dedicamos a isto, e non hai mellor froito que o que unha sementa e logo recolle.
-----

Olga Kirk. Compaxina a súa actividade como directora de Donaire coa de cantante, música (toca a pandeireta, percusión e acordeón diatónico) e o labor docente. A recolla é transmisión das nosas músicas e bailes tradicionais é un dos obxectivos de traballos como os cantos de reis ou o Cancioneiro de Cabana de Bergantiños.


Comentarios