Ir ao muíño con elas. Por Andrea Nunes Brións

Andrea Nunes lendo o poema o I Día das Galegas nas Letras

Por Andrea Nunes Brións
Poema escrito para o I Día das Galegas nas Letras adicado a Dorothé Schubarth.

1. IR AO MUÍÑO CON ELAS
Así, tralaralará, imos cantando
Así, tralaralará, imos facendo rede,
e facendo e refacendo
imos tras as súas voces.

Nas corredoiras escóitase o
“Ana-come-pan-Ana-come-pan-Ana-come-pan”
e a Ana que come o pan após repartir entres outras os anacos,
Ana come ollando e escoitando -redonda, chouteira, ou golpe-
“tacataca tacatá tacatá” -ribeiranas e contrapasos-
“Tacatacatam-tacatan-tan” no ritmo da xota galega.

E na alborada compás de 2x4 ou 6x8,
mentres a muñeira nova se acentúa;
“tácata-tácata-tácata-tán” Tan…
tan…tanto que saber desas voces
sen nome, que cantan cantigas de ninguén
e o tacatacatán taca tan tan,
que nos ensinan,
tacatacatán taca tan tan,
das cales bebemos.

O canto vello, adaptado de Lobeira,
Antonia de Viveiro dalle a muinheira de novo
Trán-si-to, trán-si-to, trán-si-tando os límites,
Transitando estamos, as vilas e aldeas todas da Galiza dos 80

Perduran os versos e agora soa un valse
(como unha xota pero máis lento)
“Párabarabam-párabarabam-párabaraban”
E xa imos dar a despedida, imos tocar a derradeira,
agora muñeira vella
que di “papára papára papára papára”
e non para,
“papára, papára, papára, papára”
E non pares.

2. DE RECOLLEITA
*Ancares, Arzúa, Baixo Miño,
Bande, o Bierzo, Camariñas,
Campobecerros, carballiño,
Castro Caldelas, Chantada, Courel,
As Cruces, A Estrada, A Fonsagrada,
Forcarei, O incio, Mazaricos,
Meira, Mezquita, Misa Vella,
Muxía, Ordes, Outes,
Palas de Rei, Ponteceso, Pontedeume,
Portomarín, Rias Baixas, Ribadavia,
Santa Comba, Compostela,
Sobrado, Taramundi, Teallo,
Verín, Viana, Vilardevós,
Viveiro…

En tantos, tantos lugares,
resca(n)tando
as tantas, voces de tantas.


*Localizacións onde Dorothé Schubarth estivo de recollida.

-----------

Andrea Nunes Brións. Naceu en Marín baixo un frorecente manto de escamas. Trasladouse a Compostela fuxindo dos verquidos tóxicos de Ence. Alí entrou en contacto con diferentes persoas que acreditan nun mundo fóra do patriarcado capitalista. Nos seus momentos libres cursou a carreira de Filoloxía e un Máster cun nome moi longo. Agora traballa moi lonxe da terra, e síntese máis preto escribindo poemas e facendo vídeos coas Candongas do Quirombo. A súa última obra é o poemario Todas as mulleres que fun, previamente sacou o poemario Corrente do esquecemento (Aturuxo, 2007) Colaborou en diferentes publicacións galegas como Dorna, Nova Ólisbos, Andaina, Revista Galega de Teatro, AulaFoto ou Tempos Novos.

Comentarios