Ás veces as cousas cadran sen saber por que. Por Mercedes Peón

Mercedes Peón, durante a súa actuación no I Día das Galegas nas Letras

Por Mercedes Peón
Artigo escrito para o I Día das Galegas nas Letras, adicado a Dorothé Schubarth.

Hai unha tempada comecei a reflexionar que era sumamente importante plasmar nalgún documento ou artigo o que estaba a acontecer no eido da transmisión oral e visual en Galicia. Fixen tres intentos con maior ou menor acerto titulados, tradición e xénero, o xénero no baile tradicional” e agora estou con “doxas, e creación colectiva”. 

Esta necesidade comezou ao volver dun período de distanciamento do movemento xurdido a finais dos 80, o cal denomino a “revolución das tocadoras”, e no que participei activamente durante 20 anos. Esta revolución foi a que puxo en seria evidencia que algo pasaba no que se denomina folclore, que se supón representa aquelo co que nos sentimos identificadas. Aconteceu algo de tal autenticidade que revolucionou o circuíto artístico folclórico, algo escandalosamente presente na verdadeira creación colectiva de micro pobos espallados por toda Galicia, ausente nos grupos folclóricos do momento e inexistente no imaxinario galego urbano, refírome ás pandeireteiras. Creadoras de coplas, regueifeiras, directoras dos seráns, centro da festa porque elas son a música, desinhibidas, sexuais, empoderadas, creativas, bailadoras. Todo isto saíu á luz cando dende grupos folclóricos se tomou a iniciativa de pescudar que acontecía na transmisión oral, pero dende a perspectiva da xente dos grupos folclóricos, sendo unha mestura de pensamento artístico e tradicionalista.

Xa daquela houbo críticas porque as mulleres tomaron o protagonismo cal unha enxurrada. As críticas viñan directamente do imaxinario capitalista, dalgúns gaiteiros despistados que tampouco facían ningunha pescuda por saber os significados das muiñeiras que comezaban a soar grazas á mesma mentalidade na procura de autenticidade, sen decatarse da relación que podería haber entre claqueos, estruturas, ornamentacións e baile. Aínda así, o transo ternario, o poderío das voces e con elas a palabra, tomaron o centro da atención na escena folclórico coreográfica musical galega.

Mentres acontecía isto, Dorothé Schubart viña de rematar o seu “Cancioneiro Popular Galego”, publicado no ano 1984, tras un intenso traballo que abrangue 38 zonas xeográficas galegas e raianas.

Isto do que falo dende o punto de vista dunha folclorista galega foi o que creo que dende o punto de vista dunha musicóloga como Dorothé a fixo ficar na nosa terra 5 anos intensivos e botar 10 anos indo e vindo axudando a comprender e analizar o seu traballo. Viña na procura de romances europeos dende centro Europa, levaba anos pescudando e cando chegou a Galicia ficou 10 anos, abraiada pola riqueza de melodías, ritmos e sobre todo pola cantidade de informantes. Mulleres que tiñan vivo no seu imaxinario as relacións sistémicas que lles facían ter toda esa información. Para unha científica como Dorothé era auga pura dun manancial, algo moi difícil de atopar no continente europeo no que se levaba movendo dende había anos. 

Lembro unha conferencia que dera no Consello da Cultura Galega. Estivo facendo un paralelismo durante unha hora tomando unha melodía ad libitum galega cunha melodía recollida en Romanía idéntica, non lle interesaba a ornamentación nin a interpretación, estaba centrada en ser o máis rigorosa posible na deconstrución non dun concepto senón dunha melodía e así fomos quen de identificar o similares, por non dicir idénticas, que eran. Abrira unha porta para relacionar ambos os dous pobos, tanto no eido lingüístico, con Antón Santamaria, como melódico. Fora maxistral. Lembro outra onde nos fixera reflexionar sobre a mínima partícula que faría identificar unha ribeirana, rodeada de estudantes de música e musicoloxía en Santiago de Compostela, ninguén lle soubo contestar porque para iso haise que parar a escoitar a inmensa beleza das ribeiranas e abraiarse co minúsculo.

Baixo a miña modesta opinión gustaríame transmitir que Dorothé é unha académica relacionada co que realmente acontece na cultura musical de transmisión oral aquí e agora, sacando os coñecementos analíticos da universidade ao campo e este agasallouna con creacións de centos ou miles de anos creadas por milleiros de persoas, sen liderados pero con autoras que foron aportando pingueira a pingueira melodías perfectas, porque se non o fosen non perdurarían a través dos séculos, letras con estruturas abertas, creadas para a comunicación máis directa sumida nun transo corporal musical.

Hai imaxinarios paralelos ao capitalista occidental que teñen que ver co ecolóxico, coas relacións e a creatividade que xurde pola comunicación co que nos rodea, sen xéneros, sen arquetipos pechados, con mulleres que soas ou non, por propia elección ou non, criaban, traballaban, vendían o que colleitaban e, claro está, tiñan o seu transo nunha comunidade onde os seráns liberaban do cotiá. Non había nin hai esa submisión agachada na feminidade aprendida das castas sociais máis distantes co pobo, para diferenciarse e codificar o coñecemento.

Dorothé tratou á xente de Galicia que visitaba para transcribir o que sabían con sumo respecto e afecto, e regalounos un cancioneiro extenso e sobre todo un método que, como lle escoitei dicir, podería haber outros pero este foi o que escolleu, para catalogar as nosas melodías, algo do que careciamos totalmente. Simplemente é unha científica sensible e identificadora de verdadeiras xoias con nomes e apelidos.

Pódovos dicir por experiencia que o noventa por cento da información vén da man de mulleres, mulleres e homes que son coma bibliotecas de sabedoría e se algo non ten importancia é a cantidade porque para min non existen os xéneros, non acepto esa catalogación, non teño ese acordo na miña cabeza. Por iso véxome na obriga de dar outro punto de vista @s folcloristas ou simplemente amantes da tradición para que, se é posible, repercuta na transmisión xa dirixida nas clases e por extensión nos seráns modernos.

Admitindo por un momento eses acordos de xéneros e de funcións limitadas para cada un e unha de nós, é moi curioso que non haxa o mesmo empeño en descualificar os grupos de pandeireteiros, porque nunca os houbo, que nunca saquen punto as mulleres, e se o fan sexa anecdótico, e alén dos folcloristas, xa metidas no mundo da gaita, que se siga descualificando ás pandeireteiras porque imitan como cantaban as vellas e que así non se cantaba etc. Esas mulleres moitas eran máis novas ca min e evidentemente na descualificación latexan outros intereses. Ata Miguel Anxo Murado no seu libro “Outra idea de Galicia” refírese ao que eu denomino revolución das tocadoras como algo anacrónico, pero 5.000 cantares recollidos neste cancioneiro nos anos 70-80 nun verxel cultural non é anacrónico, é de aquí e de agora.

Por iso gustaríame introducir o concepto fantasía de aceptación. 

Despois de andar polos mundos da composición musical, volvín a atoparme con seráns modernos, feitos pola xente que pertenceu a esa revolución das tocadoras, ou xa alumnado que aprenderan en clases e tiveron pouca relación coas señoras sabias de Galicia. A poucos funme decatando de que a doxa actual capitalista reflíctese no ensino cunha escala de valores totalmente arquetípicos, masculino e feminino segundo nos fai asimilar a doxa actual do mundo occidental. Por unha banda, a xente que estivo en contacto directo coa verdadeira creación colectiva trasladou en moitos casos o que viran á doxa de poder económico social, transmisora de prexuízos polos que se palpa violencia simbólica cara ás mulleres, e xa nin falar de calquera outra forma de xénero que para certas prácticas no ensino non teñen cabida.

Galicia segue a ser abraiante, estas miles de persoas do folclore son as que están dando vida e continuidade a algo único, a unha linguaxe músico corporal que nos identifica totalmente e nos relaciona co hábitat onde vivimos. Gustaríame iniciar unha chamada de atención para identificar os pensamentos tóxicos vidos da doxa de poder actual e enxuizar as nosas fantasías de aceptación onde cremos que o que facemos e reflexionamos está realizado con verdadeira autonomía. Por esa fantasía de aceptación podemos caer no erro de magoar o noso sistema ecolóxico musical. Por unha banda, refírome ás tocadoras da creación colectiva, por ser elas as donas da festa, porque non hai que custodialas senón todo o contrario xa que non estamos a súa altura, nós non temos as súas vivencias, e moito menos apropiarnos por mor do anonimato das súas expresións e en consecuencia eliminar unha parte da nosa historia contemporánea. Por outra banda estase diluíndo calquera empoderamento das mulleres nos seráns actuais con pensamentos tóxicos, coa fantasía aceptada de submisión, feminidade e sempre nun segundo plano onde non moleste e apoien a exaltación masculina.

Dorothé Schubart segue a ser un ar fresco polas súas prácticas, fóra de toda dúbida dende o punto de vista académico formal, e ao mesmo tempo por ser impecable no humano e no social, sen máis, polo traballo que realizou neste país tanto na forma coma no contido. Alén de ningún tipo de análise político social ela agasallounos cun traballo inxente con nome de muller.

Comentarios