O 8 de marzo como pornocaricatura da muller

Malika Gaudin Delrieu

Por Ánxela Lema París

Momento 1

Nesta última semana non deixei de me tropezar con multitute de carteis que anuncian o día da muller do tipo: desconto en sesións de beleza, carteis con imaxes de tacóns de fina agulla, maquillaxes…

A cuestión é que neste clima de performance do que é/representa/quérese facer que sexa ser muller unha repara na comicidade que supón a relación directa entre o martes de entroido que acaba de pasar e o chamamento a investir os nosos corpos dese modelo de muller.

Momento 2

No mesmo día en que vin estes anuncios escoitei na radio insinuar que malia que na España podemos falar de violencia machista non temos que nos alertar porque podemos dicir que contamos con moita mais información que moitos países da Europa e que, ademais, non contamos con índices tan altos de abusos sexuais. 

[Pausa]

Quero deixar claro que estaba a escoitar isto mentres estaba a almorzar, é dicir, estaba nese débil momento do día en que a unha aínda lle custa abrir os ollos e no que aínda non sabe moi ben a que mundo pertence. Foi exactamente nese momento no que, ademais, eu cría que era cedo para escoitar cousas que che revolvan o estómago.

[Volvo]

Que quere dicir isto exactamente? Que poder pode ter a (sobre)información neste momento central no que non paramos de ir para atrás? Se ben se considera que acumular información sobre certos aspectos é, sen dúbida, enriquecedor para o noso propio desenvolvemento e posterior evolución isto non deixa de ser, en certos aspectos, algo errado.

Entendo entón que as mulleres, xa que estamos informadísimas, non podemos facer saltar a alarma? Son consciente do papel central que moitos anuncios, campañas ou charlas de concienciación xogan en todo este proceso, é dicir, non poño en dúbida que certamente axudan ás mulleres a se decataren de que contan con medios cos que saíren das vidas en que alguén as decidiu afundir. Porén, tamén son consciente de que hoxe en día moi facilmente poñemos a man no lume por estes medios e decidimos pechamos os ollos. A verdade é que a sobrecomunicación descomunica e a obsesión e a necesidade compulsiva que sentimos cada día por termos toda a información do mundo nas nosas mans e poder acumulala, gravala, clasificala en formatos cada vez maiores non se traduce, en absoluto, nunha maior seguranza e capacidade crítica da sociedade en que vivimos. Non está isto claro en cada un dos xornais que podemos ler? Á vista están moitos dos acontecementos que nos rodean e que forman parte da nosa realidade, do noso facer actual e que deixan en evidencia que o problema non é a falta de información con que contamos as mulleres. O problema, xa que logo, está do outro lado e de como seleccionan e distorsionan a idea que de nós, as mulleres, se crea. 

Precisamente no momento en que contabamos con moita información semellamos querer volver ao punto de partida en que todo comezou e, unha vez chegado alí, facer que non nos coñecemos de nada, que non nos recoñecemos en ningún espello, e loitar por un novo collage de vinte pesos. É algo así como querer voltar e reescribir o noso eu e as diversas formas que tiñamos de nos facer ver para sumerxirnos nun mundo totalmente novo. Parecemos estar a loitar por formatear todo o que poida ter relación co NÓS co fin de reinventarnos a través dun copia e pega de imaxes simbólicas do que verdadeiramente deberiamos ser.

O interesante de analizarmos este tipo de anuncios que se dan con motivo do día da muller é que xera reflexións do tipo: e se eu non son o tipo de persoa que fai sesións de beleza non son feminina? son menos muller? entón que son? quen son? por que se estigmatiza tanto ese grupo dentro do que todo o mundo me di que me encontro? 

Momento 3

Ten algo que ver esta visión carnavalesca do sentido da muller co facto de que para o disfraz dunha mesma personaxe existan modelos para homes (que reproducen fielmente a personaxe que se quere imitar) e modelos para mulleres que resultan ser unha pornocaricatura dese elemento inicial? Será esa muller que apelan nos carteis do 8 de marzo unha pornocaricatura do que a muller realmente é en si mesma?

Momento 4

Neste ambiente performativo lembreime dunha micro obra de teatro á que asistín no mes de febreiro na Tuerka 27 (Coruña) e que levaba por título Pajas, obra de Ozkar Galán dirixida por Daniel Currás. O tema central da obra era a visita dunha funcionaria do Ministerio de Sanidade de España a un home mentres este se estaba a masturbar na súa casa co motivo dunha enquisa que o goberno estaba a pór en marcha. A finalidade que dito estudo perseguía era demostrar a relación directa que o goberno actual español supuña que debía existir entre a xente que non se manifesta e a que está da súa parte. É dicir, que a xente que non está na rúa berrrando e que, ademais, non vota ao PP só pode estar a se masturbar na casa.

Se ben moitas das reflexións que na obra se facían caían en tópicos que eu consideraba que xa se tiñan superados (a procura do sorriso fácil no público aludindo ao tamaño do pene do protagonista etc) a cuestión é que ao final elaborouse unha reflexión sobre o facto de como o privado, o noso, está cada vez máis en mans do público ou, máis ben, en mans do político, de forma que nin unha sequera se pode masturbar na casa a gusto. 

[Pausa]

Non semella máis críbel pensar que son precisamente as persoas do goberno español as que se están a masturbar na casa ao ver a excelente evolución da obra fantasmagórica que puxeron en marcha?

[Volto]

Nesta diferenza entre o público e o privado é que quizais pode resultar interesante reflexionar sobre esa imaxe da muller pública que tantos e tantas se atreven a facer. Nesa liña en que as persoas se atreven a dicir que é o que as mulleres precisamos, que é o que as mulleres debemos facer… pregúntome quen foi o director ou directora de orquestra que deseñou esa imaxe de muller e, a quen apela? Non haberá unha relación directa entre esa obra político-performativa actual e a imaxe social que da muller se quere construír? Nese chamamento a non nos queixar o que se nos está a dicir é que estamos mellor caladas porque xa hai xente a traballar no caso mais,… quen é quen realmente?

[Pausa]

Pregúntome, agora, que diferenza habería se a persoa que na obra se estaba a masturbar na obra pasase a ser unha muller ou, mellor aínda, se a revolución que tantas estamos a esperar como resposta ao circo político actual consistise nunha macromasturbación colectiva diante do Consello dos deputados?

[Volto]

Mestura inconexa final

E se o día 8 de marzo nos travestimos todas en muller?

Comentarios