Hai
quen senta e observa mentres outros tentan dicirnos quen son dignos e
quen non son dignas de entrar no concepto que temos de literatura e
de país. Hai quen se laia, hai quen concorda, hai quen simplemente
nin atende. E logo estamos as que collemos o foucín, arrefuzamos as
mangas e botamos o sombreiro ancho para saír de Sega.
Nese
espírito, dende A Sega convocamos o I DÍA DAS GALEGAS NAS LETRAS
que busca celebrar a figura dunha muller que contribuíse de forma
sobranceira á cultura en xeral e á literatura en particular.
Escollemos o día 15 de agosto como data central dos actos de
celebración por ser o día DA NOSA SEÑORA (das letras galegas).
A nosa convocatoria será sempre aberta e participativa.
Este
ano 2014, a muller a quen renderemos homenaxe é DOROTHÉ SCHUBARTH, compiladora do Cancioneiro Popular Galego. Nos
vindeiros días darse a coñecer o programa completo de accións de
celebración.
-----
ATURUXO POR DOROTHÉ
SCHUBART
Manifesto d’A Sega para
a celebración do
DÍA DAS GALEGAS NAS
LETRAS
Dende tempo inmemorial a
escrita fixo de si unha maneira de perdurar. De traspasar a morte. De
manter e alimentar un pobo, unha lingua, unha cultura. Cada palabra
mantida alén da memoria finita dos seres humanos, cada texto que se
foi gardando no acervo das bibliotecas e dos arquivos construínos
dun certo xeito. Mais entre todas as súas liñas naceron fondos
silencios. Silencios que durante tempo nos quixeron facer crer que
contiñan o nada. Mais como calquera boa musicóloga sabe, o silencio
é parte fundamental da música e contén tanto valor coma o son.
Neses silencios da
literatura escrita estivemos sempre nosoutras. Nun tempo breve por
analfabetas. Noutro moito máis longo que perdura ata a actualidade
por descoñecidas e minusvaloradas. Mais en todo momento, nunca
deixamos de falar. Escribimos nas nosas voces as historias das nosas
vidas, dos nosos pensares, saberes e coñecementos. O noso humor, a
nosa maneira de arrepoñernos aos papeis dados. A nosa letra estivo
sempre viva, e así continúa.
Vimos dunha estirpe de
mulleres que crearon textos para cantalos, que compuxeron música de
palabras. Elas, que foron feitas silencio polo peso dunha tradición
patriarcal que ditamina para eles os nomes e para elas o anonimato do
"colectivo".
Ata que chegou ela. A
primeira que ousou poñer os nosos nomes a cada unha das
composicións. Facernos por fin visibles. Facernos donas mediante ese
simple xesto dunha tradición cooptada, como tantas outras. E haberá
quen diga que a tradición é un "ben común", mais este
non pode sosterse mantendo de xeonllos ás mulleres, unha vez máis.
Porque para nosoutras, as que cantamos e escribimos hoxe, saber que
foron outras as que antes cantaron e escribiron non é un feito
menor. Dános unha lexitimidade que está moi lonxe de entender a
autoría como autoridade e propiedade senón máis ben como o acceso
á condición de suxeitAs, á
condición de persoas con dereito a ter a nosa propia voz recoñecida
na sociedade. Dela, da voz, emanan o resto dos dereitos, o dereito ao
noso corpo, á nosa liberdade, á nosa vida mesma. A que ninguén nos
diga: cala que ti diso non sabes. Ou aquilo de "non hai mulleres
que...".
Hai quen di que os seres
humanos seremos unicamente quen nos lembre. Seremos quen garde os
nosos nomes, quen aturuxe os alalás cos que demos saída ao pasar
dos días, ao humor, ao sentir, ao pensar, ao coñecer, ao que
sabemos e aprendemos. Quen garde, en definitiva, o texto dos nosos
afectos. Ese foi o traballo de Dorothè Schubarth.
Igual que facemos o corro
para bailar, igual que as voces das cantareiras enganchan as unhas
coas outras, quen hoxe escribimos debémoslles ter o noso nome
propio, a nosa voz inscrita mesmo nas marxes da literatura a aquelas
que cantaron antes. A aquelas que construíron o maior acervo
literario de lingua galega: a lírica popular. Se nós temos voz é
porque houbo quen foi quen de conservala e aínda máis importante,
quen foi quen de recoñecela como de nosoutras, lonxe deses discursos
da "comunidade" nos que as mulleres ficamos invisibles. Ese
foi o traballo de Dorothè Schubarth que hoxe celebramos, vindicamos
e recoñecemos.
I Día das Galegas nas Letras: Dorothé Schubarth
Reviewed by segadoras
on
18:22:00
Rating:

cumpre rematar coa mentira, inda contra o pensamento patriarcal Galicia é unha terra matricial, viúvas de vivos, malia os que lles remorse
ResponderEliminarparabéns cumpre rematar coa mentira, inda contra o pensamento patriarcal Galicia é unha terra matricial, viúvas de vivos, malia os que lles remorse
ResponderEliminarfermoso manifesto, valente iniciativa. Parabéns!!
ResponderEliminarAsí oh! E non homenaxear a vendidos do franquismo. Que mal vai a rag, é unha pena
ResponderEliminarParabéns pola iniciativa e forza pra seguir adiante.
ResponderEliminarMatria e futuro!!!