'Casa das Orfas', de Emma Pedreira

Emma Pedreira

Por Andrea Nunes Brións

Hai lecturas que nos atravesan, que aparecen nun momento dado, e que adquiren maior significado co tempo facendo que acudamos a elas para non nos asfixiar. 

A poesía ten iso que nos engancha, que nos abruma ou libera segundo o noso estado anímico. Non hai moitos meses, aconteceume isto a min, cando me deu por fuxir da individualidade e dei por volver ao colectivo instalándome en casas amigas que me acolleron cos brazos e os andeis abertos. 

Nesa aperta de libros caeron nas miñas mans varios poemarios de Emma Pedreira e tiven que acudir a eles unha e outra vez durante un tempo, quen sabe se buscando esa liberación ou para me cegar con eles.

Botei especial freo nun, que non lembraba ter lido anteriormente. E parei tempo nel: Casa das orfas, repetindo os poemas unha e outra vez, quizais porque intuín certo anacronismo da miña propia experiencia.

Intencións, versos e unha casa en carne viva. Onde a pel se desarma para acoller outras peles, onde a casa é case corpo (e así arde). 

Porque Virginia Woolf, sabíao, os espazos libérannos e tamén nos apresan, represéntannos dalgún xeito. E aquí cohabitamos con Morganas, Heloísas, Penélopes, Xoanas, Xenebras ou mulleres de Chihuaca.

Na casa das orfas, podemos atopar cartografías de ausencias a percorrer os armarios, as ruínas e cinzas baixo as unllas, o medo a sobrevivir ao poema sobre o fregadeiro e o desexo na sala de estar.

Ás veces encistámonos como feridas ás paredes que din protexernos, tantas outras a casa é capital de dor, xermolo de violencia, e outras tantas a casa só é que me abras o corpo...

Así o poema vai transcribindo as casas todas, con armas e dentes, creando manifestos que dislocan ósos e músculos para facer sitio ao que vén.

E o que vén, compañeiras, desde esta colectividade que reivindicamos agora máis que nunca, fará que para sempre deixemos de nos sentir orfas.

Emma Pedreira: Casa das OrfasEspiral Maior, 2006.

Comentarios