![]() |
Eli Ríos |
Por Eli Ríos
O outro día
vendo o filme de Mary
Poppins, o meu fillo preguntoume por qué ás rapazas lles gustaban os
debuxos onde as poñían como parvas. Pedínlle que me explicase cal era a razón
da súa dúbida e contoume que unha amiga súa tiña no tablet un comic que a el
non lle gustara nada. Así que, en canto rematou o filme, aló nos puxemos a
investigar o tema.
A banda deseñada
á que se refería é sobre tres rapazas que son espías: Totally spies! En principio a idea de que as
protagonistas fosen as tres adolescentes non apuntaba mal pero... con só
achegarse á wikipedia foi suficiente para saber por qué o neno estaba molesto.
Recomendo a lectura de toda a entrada aínda que aquí
vou centrar a atención nunha das espias, Clover : " A loirinha é a
espiã mais popular. Ela gosta mesmo é de curtir as coisas boas da vida: fazer
compras e namorar." ( non usarás palabras malsoantes: propósito 1). Na
páxina 6, un exemplo do grande problema que é saber qué cor de tiara lle acae
mellor:
Está ben... Unha
non se pode deixar levar polos prexuízos e hai que aplicar o método científico:
imos pasar as páxinas do libro electrónico porque tamén pode acontecer que a
entrada da wikipedia non reflicta con exactitude o texto (algún día terei que
deixar de crer en utopías: propósito 2).
A historia conta
as aventuras de tres rapazas (Sam, Clover e Alex) que acaban sendo espías da
WOOHP (World Organization Of Human Protection). Esta organización está
"dirixida" por Jerry Lewis que é un cabaleiro inglés a quen lle toca
valorar se as decisións que toman as adolescentes son acertadas ou non (usar
adxetivación por moreas para describir o paternalismo patriarcal: propósito 3).
Estas espías, residentes en Beverlly Hills e Malibú, resolven unha serie de
conflictos onde os malos son malísimos e as malas son compañeiras dos malvados (comprobar
se o texto se escribiu a canda os trogloditas arrastraban as mulleres do
cabelo: propósito 4). Pero non todo é traballar así que... Mark Lerer, o autor,
non esquece a parte sentimental e sensible das neniñas: namóranse as tres do
mesmo rapaz! David é un rapaz ao que lle gusta a poesía, tocar a guitarra e ten
a pel bronceada (non pensar barrabasadas en alto que alguén te pode escoitar:
propósito 5).
Se ben a estas
alturas da investigación (deixar de utilizar eufemismos para falar de ranciadas
machistas: propósito 6) xa tiña documentación suficiente para facer a
valoración da cousa esta, na Sega
caracterizámonos por profundar nos temas até as últimas consecuencias e fixen o
esforzo de adentrarme na mercadotecnia que envolve esta publicación. Antes de
cear (para evitar vomitar que non hai que estragar a comida -xa o dicían as
avoas-) puxemos un capítulo da serie destas rapazas cheas de topicazos
occidentais-burgueses-patriarcais. Dubidades que aínda lles cabía algún máis?
Aaaaiii... que pouca confianza na capacidade de síntese do autor! Aínda nos
faltaban por ver as armas das espías! Todo un arsenal de pintalabios-laser,
tarxetas de crédito-cortantes, magna-cintos, pulseiras-lanza cordas, rimmel
lanzador de redes, peine-analizador de ADN, pendentes localizadores,... E (case
esquezo o máis importante!) o mini-laptop que utilizan para comunicarse ten
forma de estoxo de pós de maquillaxe!
En fin... que
despois desta experiencia psicotrópica cheguei ao propósito 7: apagar a
televisión e facerme a mesma pregunta que o meu fillo: por que ás rapazas lles
gustan os debuxos onde as poñen como parvas?
(remata aquí a
crítica e non suxiras que as nais e pais somos responsables dos contidos que
lles inculcamos á rapazada que igual alguén se aplica aquilo de que as verdades
doen: propósito 8).
David Michel e Vincent Chalvon-Demersay: Totally Spies!
Banda deseñada para smartphone e tablet: Totally Spies!
Reviewed by segadoras
on
17:07:00
Rating:

Ningún comentario: