A desfacer o mundo

Iria Pesqueira Souto

Por Andrea Ruthven

Coa chegada do ‘Girl Power’ nos anos noventa a representación das mozas na cultura popular experimentou un xiro, pasando a considerar as imaxes da muller violenta como algo positivo. É evidente que as mulleres violentas sempre formaron parte do imaxinario cultural tanto en occidente como fóra del. Refírome a mulleres como as Amazonas ou Medea, por exemplo. Se o discurso arredor da muller forte se baseaba en considerala unha aberración, porque a muller como axente da violencia rompe cos estereotipos da feminidade, nas novas representacións no canto de ser algo negativo, ou restrinxido soamente á autoprotección en casos extremos, a violencia feminina converteuse nun accesorio máis, noutra ferramenta do neoliberalismo que fai responsábeis ás mulleres de defendérense contra o machismo sistemático ou de fomentar, doutra maneira, o desexo masculino.

Polo tanto, cando escoitei falar por primera vez d’Os xogos da fame, pensei no ‘Girl Power’, nas rapazas ‘heroínas,’ como Buffy Cazavampiros, Catwoman ou Xena. Na súa maioría son brancas, novas, atractivas (no sentido heteronormativo) e hipersexualizadas. O seu poder físico non é unha arma contra o sistema patriarcal, senón unha arma do sistema patriarcal. Polo tanto, cando me falaron de Katniss Everdeen, a protagonista da triloxía, e como ela usa as súas habilidades como cazadora para gañar os ‘xogos’, pensei que xa lera ese libro: o libro no que a heroína emprega a violencia para soster o sistema, combate o mal ata que chega o amor heterosexual e pode retirarse das armas e vivir feliz para sempre. Aínda que Os xogos da fame ten trazos destes discursos, intenta romper cos estereotipos. Katniss é violenta, é atractiva (ten polo menos dous pretendentes), usa a violencia para protexer a xente pero tamén para loitar contra un sistema inxusto e represivo.

No lugar da violencia sexualizada que fomentou o ‘Girl Power’, Katniss reivindica a posibilidade da afiliación como arma contra o sistema. A pesar de que mata persoas co seu arco, o cerne do seu poder radica na súa capacidade para establecer vínculos afectivos entre as persoas. Non é a heroína que bota man da violencia para fomentar o seu atractivo, nin loita para conseguir unha posición na sociedade individualista do pos-feminismo. Reivindica a solidariedade. Para ela a violencia non é unha evidencia da igualdade das mulleres senón unha ferramenta do patriarcado, e emprégaa como arma de dobre fío. Na primeira entrega, a razón da súa loita é procurar a supervivencia aos ‘xogos’, pero tamén ten como obxectivo chegar a recoñecer a imposibilidade de saír do sistema. Por iso lle é imprescindible cambialo. Ao longo da triloxía, Katniss chega a comprender que, como dixo Audre Lorde en Sister Outsider (1984), “the master’s tools will never dismantle the master’s house” (as ferramentas do amo nunca desmantelarán a casa do amo). Porén, tampouco recorre ao estereotipo da muller pacífica. Ten a capacidade de empregar o seu corpo, o seu arco, defenderse e atacar cando lle é necesario, e loita para protexer aos seus seres queridos e para cambiar o seu mundo.

Katniss non é a típica heroína de acción. Asiste á fabricación da súa imaxe polos medios de comunicación que só queren vender o seu corpo como un produto mais.  Ela critica un mundo que usa os corpos de vinte e catro adolescentes como espectáculo para a clase dominante. Critica un mundo no que a violencia é a medida do poder e demostra as consecuencias de usalo. A violencia, na man de Katniss, non se converte só nunha característica máis do obxecto de desexo heterosexual. Ao longo dos libros, ela rexeita o papel de "moza de". De feito, utiliza as expectativas da sociedade – da moza, tola de amor,  que só quere casar co seu mozo – como arma defensiva, como camuflaxe detrás da cal esconde a súa rebelión. Cuestiona o discurso do amor romántico e demostra a necesidade doutras redes afectivas, de construír sociedades mais alá da heteronormatividade. Se ao final da triloxía acaba por casar e ter un fillo e unha filla, este non é o típico final feliz, no que a heroína deixa os seus poderes para converterse en nai. Máis ben vese como unha opción que aparece logo de ela loitar xunto cos demais, para cambiar a sociedade.

Suzanne Collins: Os xogos da fame.


Andrea Ruthven é investigadora de predoutoramento no Centre Dona i Literatura da Universidade de Barcelona. Ten publicados varios artigos sobre a heroína violenta nos cómics e outras literaturas contemporáneas e é co-editora do volume Women as Angel, Women as Evil: Interrogating the Boundaries. Lectora voraz, nada lle guste máis que debater a literatura e o feminismo, polo tanto, aínda que sexa canadense de nacemento, atopou o seu fogar intelectual no Feminario de Investigación Feminismos e Resistencias da Universidade de Vigo.

Comentarios