![]() |
Gustave Dorè |
Por Eli Ríos
Goretti
Fariña, na novela Orlando pendurado, debulla a
historia de Orlando, un ex-seminarista que traballa no naval. No
estaleiro, un día, ten un acidente e queda pendurado dun arnés a
nove metros de altura. Mentres agarda que cheguen os bombeiros
reflexiona sobre o que foi a súa vida e o que espera do futuro.
Cunha
prosa amena, a autora restaura un modelo lingüístico de calidade no
que a linguaxe sexista reforza a dominación simbólica contra as
mulleres ao tempo que debulla os temas da novela: a crítica ao
sistema económico, á Igrexa, aos sindicatos, ás condicións
laborais, ás supersticións, etc Iso si: sempre desde o burlesco,
desde o ridículo e desde a ironía máis fina porque, este texto,
toma o relevo de grandes obras europeas, con altas doses de sátira,
como Orlando innamorato (
1486) de Matteo Maria Boiardo, Orlando furioso
( 1532) de Ludovico
Ariosto e Orlando: A Biography
(1928)
de
Virginia Woolf.
A hipertextualidade satírica delimita a estructura desta novela de
Goretti Fariña e, así, como se se tratase dunha orde cronolóxica,
Orlando- o protagonista- no comezo, representa ese papel de Orlando
namorado de Alexandra quen "era loura e moi iniciada en ritmos
cubanos que o engaiolaron nun santiamén" (p. 23). Decide ir
vivir con ela a pesar da oposición do pai "que se negaba a
admitir concubinatos de compangada sentimental" e da nai que
pensaba que "na aldea podían ser pobres, pero non consentidores
de indecencias"(p. 24) e "non quixo nin saber onde
vivían"(p. 24). Pouco a pouco ese Orlando namorado vaise
enchendo de raiba, e de dúbidas, cando a súa parella decide facer
unha proba de embarazo:
" Claro que ser pai e
meterse a cura ao tempo non parecía compatible, mais tamen podería
ser que fose certo iso dos embarazos psicolóxicos, e Alexandra,
cunha convincente humidade nos seus ollos de carriza e abelá,
contáralle o da posible preñez como un recurso emocional(...)
Porque aínda que nunca pasou de segundo de psicoloxía, algo lle
puido quedar á moza, e calquera plan de futuro que el tivese
cambiaba agora con ese xuramento solemne de se consagrar a un estado
relixioso e definitivo, unha decisión moito máis forte que ningunha
esixencia civil para darlle o apelido a un rebento inesperado.
Claro
que tamén podería ser que o quixese obrigar a recoñecer e apelidar
o fillo posible ou- ¡ Deus non o permita!- que Alexandra intentase
abortar, porque iso si que sería un crime absoluto, condenado pola
Igrexa e pola súa conciencia, Porque el podía sentirse descrido e
ter mesmo recalado no agnosticismo, pero de aí a ser cómplice de
asasinato..."
(p.21)
Se no comezo da novela hai "dous mundos con sons, cores e
intensidades diferentes" (p.20) sendo o de Orlando o rural onde
"os seus sucos eran os do arado rompendo con vontade e simetría"
(p.20) e "o mundo de Alexandra era de ondada e barcos"(p.20),
será nas últimas páxinas da novela cando o urbano adquira
protagonismo, como no final da biografía de V. Woolf na que se
establecían as diferencias entre o clima ou a moralidade co tempo
presente. E non só, senón que Alexandra encóntrase con Paulinha a
Marinheira, unha camareira "negra, riseira, inconfundible"(p.56)
para coller as rendas da historia: serán as mulleres as que lle
encontren o traballo no estaleiro a Orlando, serán elas as que
decidan emprender un novo negocio e montar un restaurante que "estaba
recomendado na páxina web da guía autonómica esa, para gourmets
cosmopaletos, que tanto se consulta na rede e que atrae a toda a
tropa" (p.67),... Pero, como no periodo victoriano, o
recoñecemento da posibilidade dun futuro sen os moralismos
desmesurados, coa unión das dúas mulleres ( deixando fóra a
Orlando), a decisión de ser nai solteira,..., xa "estaba
escrito que todo acabaría mal"(p. 78) porque "ela non era
unha santa. Era unha vaca iscariota, unha eiruga ansiosa de cumprir a
súa metamorfose"(p78) sen decatarse que " el marcaba os
tempos, e ela era quen debía limparlle sempre a cotra persistente de
andar pendurado da vida" (p.78). E o final escribirao Orlando...
Fariña, G., Orlando pendurado, Xerais, 2012
Comentarios
Publicar un comentario