Por Andrea Nunes Brións
O verán pasado vin nun muro dalgunha
cidade do país, un graffiti que dicía: “Galiza apoia o festival de
poesía”. Referíase ao, sen dubida, un
dos encontros mais agardados por tod@s nós cada verán: o Festival da Poesía do Condado, en Salvaterra
do Minho.
Alí puidemos sentir a forza da
desobediencia a crecer no colectivo. Puidemos escoitar, alén doutras, a voz de
María Rosendo, acompañada do grupo Sacha
na Horta cantando un dos poemas de Nómade,
libro gañador do XXIII edición do certame de poesía Pérez Parallé. As que puidemos asistir, non deixamos de nos emocionar cun acto de tal
beleza e forza.
Regreso agora a esta autora, querida
e admirada, desde a diáspora mais forzosa (as explicacións que vaian en
privado) e non deixa de resultar curioso, cando menos, que unha teña esa
terríbel vontade de voltar e abra un libro como o de Rosendo e desexe ser
nómade. Nómade ou a que camiña en todas
as direccións, cobizando os espazos que unha desexa (como ten que ser) e non
tendo conta das cancelas e buceiras que hai, ultimamente incluso máis, para nos
silenciar.
No previo, intuímos, é Karen Finley
lembrándonos que non viríamos ser comprendidas, que somos forasteiras, estrañas
nas nosas propias familias, países ou sociedades. Arranca a voz dunha nómade
que se afasta do doado, do estipulado, loitando contra unha sociedade excluínte
e inxusta, que fere nos cavorcos da pel.
Versos que atravesan as voces de
tantas; das que se revelan, das silenciadas, das do norte e das do sur, das que
lle teñen medo a escuridade, onde as meninas amorfas non entramos nos moldes e
deixamos claro que non queremos entrar. Un libro pois, onde as mulleres ollan
para as mulleres.
E a loita, sabemos, é múltiple, porén
non deixa de ser a mesma. “Hai unha lingua que aínda non foi destruída” lese e
é unha lingua de moitas, desas que Rosendo chama obreiras da dignidade, que
foxen da resignación, rebelándose contra a submisión, contra o verso machista.
Falamos pois, das distancias, do nome
dos océanos. Dende Bos Aires, San Paio, London City, Nairoby, Compostela ou
Changchun. Porque nestas latitudes ou noutras, o conto é sempre o mesmo.
Nós preferimos a analoxía de ir cara
un espazo físico como ir cara unha mesma, mais pode que sexa verdade iso que
din de que as inadaptadas non temos lugar ou pode que habitamos en todas as latitudes. Quizais
simplemente somos nómades transitando diferentes puntos cardinais, arelando
nesta sega continua os pétalos de Alice Walker ou habitando as cidades que somos cada unha de nós.
Mais non deixa de nos convencer o que
facemos, esa rede que tecemos en cada unha das latitudes que habitamos, e para
con ou sen cuarto propio seguirmos escribindo, arroupándonos na loita, nómades
na procura de xustiza. Velaí estes poemas
e a súa subversión, como cuarto propio, para tod@s as que nos chamamos Eva.
Rosendo, María. Nómade. Espiral Maior 2011.
Nota: Para quen gostar, o videopoema que as candongas do quirombo realizamos cun poema de María
Rosendo; Helena a escuras en https://vimeo.com/24655310
As mulleres ollan para as mulleres
Reviewed by segadoras
on
18:03:00
Rating:

Nómade longe da chuva e de vos, tan emocionada de ler a Maria entre as palabras de Andrea. OBRIGADA.
ResponderEliminarnómade, longe da terrinha e da chuva, tan emocionada hoxe de ler a Maria entre as palabras de Andrea. A lingua e vossa e eu adoro terla na minha boca. Seguimos na loito, sigo olhando cara vos. Petonets.
ResponderEliminar