A maternidade en cadriños

Imaxe do cómic 'Vida de nai'

Por Lara Rozados

A dobre xornada das mulleres, abocadas a cumprir ao tempo coas súas obrigas laborais e as domésticas, é unha consecuencia máis da orde patriarcal do mundo. O cómic Vida de nai, de Gemma Sesar, con debuxos de Ramón Marcos e coloreado por Jorge Castelli, espertou os meus remorsos ao comezo: comeza coa exclamación “Outra vez sen empregada”, para dar paso a unha enumeración das empregadas do fogar que foran contratadas pola protagonista. E lendo en clave feminista, non se pode negar que a muller que contrata a outra para desenvolver as súas tarefas domésticas está a producir emprego, si, pero tamén a condenar a esas mulleres a unha dobre xornada ineludible. “Quen coida as crianzas da coidadora?”, ou “Quen limpa a casa da limpadora?” son as preguntas que se formula a lectura feminista.


Fóra remorsos, o cómic amósanos a unha muller nai de dúas criaturas que ao tempo é empregada nunha empresa esmagada pola crise. Percorremos a canda ela os seus múltiples campos de batalla: o da casa, o da rúa, o da oficina. E vémola librar a batalla laboral e a doméstica se cadra non perfectamente, “aínda que non sexa a nai que nos queren vender os psicólogos, estudosos, libros de autoaxuda, avoas perfectas e nais dedicadas”. Dentro desa súa imperfección, a protagonista (sen nome) coida dos pequenos Estela e Teo, e tamén da súa parella, Baldo, ao tempo que tenta manter a flote a empresa para a que traballa (da que tampouco se especifica o sector, aínda que se intúe un traballo creativo dentro se cadra da publicidade ou das artes gráficas). É interesante para observar as contradicións e as dificultades que padece unha nai traballadora. Á lectura do cómic pode sumarse a do blog que dá título á banda deseñada, aloxado na páxina http://canalmadre.com. Nel continúan as batallas que libra esta muller que podería ser calquera, enfrontándose a unha dobre xornada que nunca remata. O cómic resulta tenro e empático, non é difícil identificarse con certas realidades, aínda que non tanto con outras. Non se pode obviar certa posición privilexiada da protagonista, que a afasta de lectoras igualmente nais e traballadoras, pero cunha existencia máis precaria. Ao cabo, ela conta con apoio familiar e conxugal, cun traballo acorde coa súa formación superior, boa saúde, malia o catarro que a afoga na primeira parte do libro, e cunha casa moderna e bonita. A crianza élle moito máis doada, dentro das posibilidades, que a de milleiros de mulleres que están soas, ou enfermas, ou desempregadas hoxe en día. Mergullarse nas páxinas de Vida de nai é un pouco como achegarse ao mundo dunha maternidade idealizada e case perfecta, aínda que logo levantemos a vista dos cadriños e asistamos á noticia do desafiuzamento dunha nai enferma e desempregada na Coruña, momento en que se esvae a purpuriña. Como exercicio autobiográfico non está mal, pero bótase moito de menos que non saia fóra de certo ámbito de comodidades e privilexio.

Vida de nai, de Gemma Sesar, Ramón Marcos e Jorge Castelli

Comentarios

  1. a autora fala da obra no Diario Cultural da RG: http://www.crtvg.es/rg/destacados/diario-cultural-diario-cultural-do-dia-06-12-2013-712454

    ResponderEliminar

Publicar un comentario