![]() |
Imaxe do cómic 'Vida de nai' |
Por Lara Rozados
A dobre xornada das mulleres, abocadas
a cumprir ao tempo coas súas obrigas laborais e as domésticas, é
unha consecuencia máis da orde patriarcal do mundo. O cómic Vida
de nai, de Gemma Sesar, con debuxos de Ramón Marcos e coloreado
por Jorge Castelli, espertou os meus remorsos ao comezo: comeza coa
exclamación “Outra vez sen empregada”, para dar paso a unha
enumeración das empregadas do fogar que foran contratadas pola
protagonista. E lendo en clave feminista, non se pode negar que a
muller que contrata a outra para desenvolver as súas tarefas
domésticas está a producir emprego, si, pero tamén a condenar a
esas mulleres a unha dobre xornada ineludible. “Quen coida as
crianzas da coidadora?”, ou “Quen limpa a casa da limpadora?”
son as preguntas que se formula a lectura feminista.
Fóra remorsos, o cómic amósanos a
unha muller nai de dúas criaturas que ao tempo é empregada nunha
empresa esmagada pola crise. Percorremos a canda ela os seus
múltiples campos de batalla: o da casa, o da rúa, o da oficina. E
vémola librar a batalla laboral e a doméstica se cadra non
perfectamente, “aínda que non sexa a nai que nos queren vender os
psicólogos, estudosos, libros de autoaxuda, avoas perfectas e nais
dedicadas”. Dentro desa súa imperfección, a protagonista (sen
nome) coida dos pequenos Estela e Teo, e tamén da súa parella,
Baldo, ao tempo que tenta manter a flote a empresa para a que
traballa (da que tampouco se especifica o sector, aínda que se intúe
un traballo creativo dentro se cadra da publicidade ou das artes
gráficas). É interesante para observar as contradicións e as
dificultades que padece unha nai traballadora. Á lectura do cómic
pode sumarse a do blog que dá título á banda deseñada, aloxado na
páxina http://canalmadre.com.
Nel continúan as batallas que libra esta muller que podería ser
calquera, enfrontándose a unha dobre xornada que nunca remata. O
cómic resulta tenro e empático, non é difícil identificarse con
certas realidades, aínda que non tanto con outras. Non se pode
obviar certa posición privilexiada da protagonista, que a afasta de
lectoras igualmente nais e traballadoras, pero cunha existencia máis
precaria. Ao cabo, ela conta con apoio familiar e conxugal, cun
traballo acorde coa súa formación superior, boa saúde, malia o
catarro que a afoga na primeira parte do libro, e cunha casa moderna
e bonita. A crianza élle moito máis doada, dentro das
posibilidades, que a de milleiros de mulleres que están soas, ou
enfermas, ou desempregadas hoxe en día. Mergullarse nas páxinas de
Vida de nai é un pouco como achegarse ao mundo dunha
maternidade idealizada e case perfecta, aínda que logo levantemos a
vista dos cadriños e asistamos á noticia do desafiuzamento dunha
nai enferma e desempregada na Coruña, momento en que se esvae a
purpuriña. Como exercicio autobiográfico non está mal, pero bótase
moito de menos que non saia fóra de certo ámbito de comodidades e
privilexio.
Vida de nai, de Gemma Sesar, Ramón
Marcos e Jorge Castelli
a autora fala da obra no Diario Cultural da RG: http://www.crtvg.es/rg/destacados/diario-cultural-diario-cultural-do-dia-06-12-2013-712454
ResponderEliminar