Foto: María Reimóndez |
Por María Reimóndez
Resulta sumamente
interesante comprobar que en tempos de boom indubidable da chamada literatura
de misterio, ou, “negra” rara vez escoitamos mencionar xa o nome de Agatha
Christie. Como lectora case enfermiza que fun das súas obras durante gran parte
da miña preadolescencia non deixa de encherme de sospeita esta ausencia nos
repertorios de “referencias” de certos autores contemporáneos do xénero.
Semella que mentres os señores perviven ata nas adaptacións e reversións
cinematográficas e televisivas de Conan Doyle, Agatha Christie está pasada de
moda. De verdade?
Como entendo que
ser feminista é vivir nun estado de desconfianza do que se nos vende como
verdade a primeira vista (ao máis puro estilo Christie, por outra banda),
decidín regresar a esta autora para centrarme con especial interese nunha das
súas protagonistas recorrentes, Miss Marple. Non vou negar que a priori a súa
afección á calceta e a descrición recorrente dela como “solteirona” xa
espertaron en min unha certa simpatía, pero o certo é que volvendo ás novelas
que protagoniza esta simpatía medrou en interese cada vez máis desmedido. Non
foi complicado comprobar ata que punto Agatha Christie utilizou este personaxe
para a subversión máis radical das expectativas de xénero, algo no que me
centrarei a seguir.
Unha análise
breve do conxunto de novelas protagonizadas por Miss Marple pon de manifesto
que é precisamente o xogo coas expectativas de xénero o que constrúe a trama. A
autora utiliza a Marple para entrar de cheo nos prexuízos de homes e mulleres,
na construción das identidades de xénero e clase, cun buril que amosa que
precisamente son moitas veces estas percepcións as que impiden ver o
evidente... e en definitiva resolver os casos. As novelas de Miss Marple están
cheas do que na xerga británica da novela de misterio se denominan «red
herrings», pistas falsas baseadas no que os personaxes expresan como
expectativas de xénero. Nunha das súas novelas, por exemplo, da cal non darei
nome para non desentrañar as tramas, diversos personaxes manifestan repetidas
veces que «o asasino ten que ser un home», simplemente porque a vítima era unha
moza e morrera estrangulada. Só Miss Marple é capaz de entrever pola nebulosa
das aparencias e caer na conta de que só unha muller pode prestar atención a
algo tan nimio como que a vítima roía as unllas ou ao tipo de roupa que levaba.
Por se isto non
fose pouco, a voz narradora pon adoito o reberete criticando afirmacións como o
afán de lercheo das mulleres ou a suposta superioridade dos homes en certas
cuestións ou tarefas.
Ler as novelas de
Miss Marple dende unha perspectiva feminista implica presenciar un baile onde a
convención loita contra a irreverencia, onde os ricos respectables están moi
lonxe de selo, onde as mulleres de suposta mala reputación son contextualizadas
como subversivas nunha luz positiva, as criadas saen das súas vidas do “abaixo”
para amosar a descomposición das clases sociais e onde ao final o caso o
resolve unha señora maior e aparentemente ociosa. Porque Miss Marple é o
elemento central dese xogo de expectativas, que queda perfectamente resumido
nun diálogo de «A Body in the Library», no que un dos policías se refire
despectivamente ás súas capacidades como «intuición feminina» e outro refire
autodefinición da propia Marple: «coñecemento especializado». É precisamente
nesa conceptualización do coñecemento onde se dá se cadra a maior subversión
porque Miss Marple tira os seus recursos dun coñecemento situado socialmente,
adquirido polas vías refugadas polo sistema patriarcal e cociñado en sesións de
intensa reflexión calcetadora.
Miss Marple
resulta adoito un encordio para os “expertos” policías, todos homes, que a
miran por enriba do ombreiro, simplemente porque ten máis coñecemento ca eles,
unha posición que Marple subverte seguido para a súa propia vantaxe.
Se cadra o que
lle pasa a Christie é exactamente o mesmo que lle acontece á Miss Marple,
reducida a súa capacidade literaria á ollada por enriba do ombreiro daqueles
que, no fondo, carecen da súa capacidade incisiva para crear espazos
perturbadores que van alén dos patróns de xénero existentes máis manidos, con
anódinos detectives aos que lles caen as mulleres aos pés, e cun recorrente
reforzo dos discursos patriarcais. Como faría Miss Marple, mentres eles se
entreteñen nas súas cousas, nosoutras seguimos calcetando e reflexionando no
proceso para que saian á luz as verdadeiras coñecedoras, aquelas que saben
perfectamente desfacer o labor patriarcal tirando do fío correcto.
Tirar do fío correcto. Unha relectura feminista de Miss Marple
Reviewed by segadoras
on
17:45:00
Rating:
Comparto as túas reflexións. Eu tamén lía á Christie e á súa Miss Marple, esa mulleriña tan "incómoda". Graciñas polo post!
ResponderEliminar