Os espellos de Rami e Alice

Foto: Eli Ríos


Por Eli Ríos

Ler non só é percorrer un escrito senón comprender o que di. Ás veces, tamén conleva un esforzo, por parte de quen le, que vai mais aló de xuntar letras: hai novelas que nos obrigan a repensar os nosos modelos éticos, sociais, culturais, etc. Isto é o que acontece coas novelas de Pauline Chiziane.

Chiziane, considerada a primeira muller que publica unha novela en Mozambique, sorprendíanos, hai mais de dez anos, cunha historia sobre a poligamia na que as palabras nos arrastraban, unha e outra vez, a novos horizontes. Niketche: uma História de Poligamia (Caminho, 2002), antes de pasar a primeira páxina xa nos espulgou os canons occidentais: Rami, a protagonista, é unha mozambicana que reflexiona e se revolta contra a súa condición de muller negra discriminada tanto na sociedade como no seu casamento. Procura a súa identidade tentando ecuacionar os binómios muller/home, esposa/amante, monogamia/poligamia, tradición/occidentalismo, escolla colectiva/individual, etc., a través dunha metáfora xa presentada no mesmo título: Niketche. Unha danza, Niketche, de amor e erotismo entre os zambianos e os nampule, que cria un espello no que nos vemos e revemos, pero no que, seguramente, non todo o mundo admite reflectirse.

Nun primeiro momento o elemento simbólico, o espello, reflecte a imaxe da protagonista acompañándoa e como querendo dicirlle que a infidelidade é apenas un paso do niketche para, posteriormente, interrogala sobre o seu proceso de autoinculpación e, finalmente, devólvelle unha imaxe de mudanza na que a muller non espera a que a situación cambie senón que é ela propia a que asume o poder patriarcal que lle fora negado até o momento:

Vou ao quarto e dialogo com o meu espelho.
- Espelho meu, o que será de mim?
O espelho dá-me uma imagem de ternura e responde-me com a maior lucidez de sempre.
- Não serás a primeira a divorciar nem a última. Os divórcios acontecem todos os dias, como os nascimentos e as mortes, mas tranquiliza-te. Há uma grande diferença entre a vontade do homem e a vontade de Deus. O que Deus põe, o homem não dispõe.
  • E qual é a tua vontade, gémea de mim?
    (Niketche: uma História de Poligamia,Caminho, 2002, p.171)

O espello como símbolo dentro do espazo narrativo é tamén tratado por Clarice Lispector ou Maria Judite de Carvalho no mesmo sentido que o fai Chiziane: como descoberta epifánica do feminino. É, este, o que funciona como reflector da independencia feminina xa que permite a revelación dos sentidos (tacto, olfato, gusto) e compleméntaa coa visión da propia imaxe e identidade atinxindo un empoderamento do que antes non eran conscientes.

Esta procura de identidade, que comeza en Rami, desenvólvese ao longo das seguintes novelas da autora até chegar á protagonista de Na mão de Deus (Carmo Editora, 2013), Alice.

Alice procura o poder feminino oculto no interior e está disposta a traspasar os límites como xa fixera a Alice de Lewis Carroll. O espello xa non só reflecte e devolve unha imaxe senón que xorde como unha posibilidade de intercambio entre as esferas do real e o imaxinario: a pasaxe para o outro lado. E é xusto aí onde a autora aborda sen temor e sen complexos a realidade das médium porque estar dentro do espello, como lle acontece a Alice, permite a realización física e imaxética configurando un mundo invertido e independente.

Na mão de Deus a protagonista, ao longo dunha serie de relatos, vai contando e describindo todo o seu drama vivencial, todos os síntomas físicos e psíquicos que a conducen á psiquiatría e ao afloramento das súas cualidades de médium (non comprendidas nin pola sociedade nin pola familia). Traspasa o “portal” do espazo e o tempo mergullándose nun mundo subxectivo no que as formas e ao orde, considerada tradicionalmente natural, establecen paradoxos provocados polas imaxes especulares.

Na presentación de Na mão de Deus, Chiziane revoltouse contra a falta de análise e comparación das Escrituras Sagradas xa que se un médico analizase as experiencias de Xesucristo chegaría á conclusión de que foi un esquizofrénico e, polo tanto, debería ser internado nun hospício pero... “o problema é que quando a mesma história é escrita por uma negra, uma africana, uma mulher, uma moçambicana, as pessoas dizem que é diabólica ou que a sua autora é demente”. O espello de Alice xa está disposto para mostrar, nestes relatos, que non estamos só ante unha mera fantasía froito de mentes febrilmente imaxinativas ou diabólicas senón que atesouramos un modelo narrativo de empoderamento necesario ante os condicionalismos impostos.


Os espellos de Rami e Alice Os espellos de Rami e Alice Reviewed by segadoras on 17:22:00 Rating: 5

Ningún comentario:

Con tecnoloxía de Blogger.