Non resulta en absoluto novidoso afirmar que o
xénero da ficción científica constitúe un dos modos máis frecuentemente
utilizados para explorar o político, para crear as distopías aterradoras que
pretenden enviar mensaxes dende o futuro cara ao pasado, que sería o noso
presente. O potencial deste xénero semella ser infinito para crear e recrear
mundos, mais o certo é que o monopolio da voz masculina, polo menos na ficción
científica digamos “xeneralista”, delimitou durante ben tempo a exploración
política de posibilidades que saen fóra do rango do home branco heterosexual.
Mais ben antes da chegada do Manifesto Cíborg de Donna Haraway e moito antes da
crítica ao consumismo (feroz) e ao patriarcado (máis tímida) do best-seller Os
xogos da fame de Suzanne Collins, a voz solitaria, fonda e decidida de
Octavia E. Butler revolucionaba os círculos da ficción científica do mundo
anglosaxón.
Butler foi a primeira escritora afroamericana
en transitar este xénero que logo deviría tan vizoso para as mulleres en xeral
(pensemos no caso sobranceiro de Margaret Atwood) e tamén para as demais
afroamericanas (seguidora de excepción podemos considerar a Premio Nobel Toni
Morrison). O carácter pioneiro da súa escrita, sobre todo á hora de introducir
unha posición de xénero e raza que marcaba o resto da escrita de ficción
científica da súa contorna como patriarcal e branca, non pasou desapercibido no
seu país de orixe, os Estados Unidos, onde foi recoñecida amplamente ata a súa
morte en 2006.
Aínda que moitas das súas numerosas novelas se
centran no futuro, gustaríame escribir desta volta sobre unha que fala
aparentemente do pasado: Kindred (1979). Esta novela parte dunha
temática tamén explorada na ficción científica, as viaxes no tempo, para
transformar a visión dun suposto plácido presente. O presente son os mediados
dos anos setenta nos que habita Dana, a protagonista, coa súa parella, Kevin.
Dana é unha muller afroamericana, que sabe dos seus ancestros brancos pero que
malamente pode sospeitar que no seu 26 aniversario se vai ver transportada ao
Maryland de 1815, cando a escravitude está aínda en pleno apoxeo, convocada por
un deles. Dana vese misteriosamente unida ao presente de Rufus Weylin que pode
facer que apareza cada vez que a súa vida corre perigo. A novela lévanos por
unha viaxe aterradora pola experiencia da escravitude vista dende o presente,
vista dende os ollos dunha persoa que creceu no período posterior ao movemento
das Liberdades Civís e que ten que aceptar a súa posición abertamente
subordinada no seu novo contexto. O nivel de violencia ao que Dana é sometida
provócalle diversos traumas que a unen ás demais mulleres e homes negros da
plantación, ao seu día a día, para logo devolvela á súa vida na California do
presente nun movemento pendular ata a fin da novela. Cada viaxe vaille dando
material para unha serie de reflexións útiles para o presente, incluídas
aquelas sobre a súa relación con Kevin, que se ve arrastrado tamén nunha das
viaxes. Kevin é branco e polo tanto ten que finxir ser o seu amo, unha
situación que pon de manifesto o fráxil dos dereitos adquiridos e a hexemonía
das posicións de xénero e cor de pel, mais tamén a capacidade de resistencia de
quen nace no lado opresor.
Ao longo de toda a trama, a posición de Dana
resulta sumamente complexa, algo que engade unha maior capacidade de
perturbación á narración de Butler. Dana vese na obriga de rescatar unha e
outra vez ao seu ancestro, o brutal dono de escravos, para poder asegurar que a
súa familia non desaparece. Igualmente, comprende que ten que aceptar que o seu
corpo non vale nada, que é unha simple mercadoría e que a solidariedade resulta
moi difícil en condicións de explotación nas que a supervivencia é a única
prioridade.
A posición de Dana como muller concienciada no
presente axuda a que exista un diálogo fluído entre este e o pasado. De feito é
moitas veces o seu coñecemento da historia colectiva afroamericana o que a
axuda a sobrevivir, é nesa consciencia de pertencer a un colectivo onde atopa
as súas ferramentas para saír adiante. Kindred dialoga deste xeito tamén
coas narrativas que se desenvolveron ao redor da escravitude, dende os relatos
das propias escravas ata o traballo posterior de autoras como Zora Neale
Hurston. Mais a novela dialoga sobre todo co presente e aínda máis co futuro.
Porque se ben as persoas non podemos viaxar no tempo polo de agora máis que nos
libros, esas viaxes de Dana marcan tamén o recordo da experiencia colectiva da
escravitude que non se reparou. Kindred marca como as posicións do
presente proveñen do pasado e como é fundamental comprendelo dunha forma
empática e dolorosa para poder reencamiñar o futuro. Advírtenos, iso si, de
como ese coñecemento nos pode marcar para sempre. Sen dúbida, a semente de
Octavia E. Butler, aquela nena filla dunha viúva que traballaba como criada,
fica no futuro. Butler explicaba que comezou a escribir porque cando tiña 12
anos viu a película de ficción científica Devil Girl from Mars, que
segue sendo unha desas iconas de fondo contido sexista, e pensou”podo escribir
unha historia mellor. E abofé que o fixo, deitando a semente do futuro que a
día de hoxe escriben artistas afroamericanas de todo tipo de xéneros no que xa
se denomina o Afrofuturismo, practicado entre outras pola coñecida cantante
Jeanelle Monaé, que a recoñece como unha peza fundamental do futuro co que se
escribe o presente.
Cando o futuro é o presente e o pasado
Reviewed by segadoras
on
17:41:00
Rating:

a pena é nom poder gozarmos desta autora na nossa língua. ou sabemos inglês, a língua do homem branco heterosexual, ;) , ou nom temos acesso...
ResponderEliminaras editoras galegas deveram reflexionar sobre as prioridades à hora de escolher o seu repertório de traduçons. que obras estrangeiras queremos que sejam lidas na nossa língua? so(m)bras de grey? nom é melhor uma boa butler?
quem se anima??!!