![]() |
Eli Ríos |
Por Eli Ríos
Neste conto
nárranse as aventuras da princesa Titiritesa cando escapa do castelo e
coñece a Wendolina. Namoran e acaban casando. As ilustracións, orixinalidade e
expresións divertidas converten este libro nunha lectura fácil para idades de
entre tres e sete anos.
Esta tentativa
de construir modelos de identificación non só heterosexuais, presentando o
lesbianismo como un elemento normalizado, amplia o abano identitario (e cómpre
telos) pero o feito de facelo dentro dunha estrutura andocéntrica provoca un claro
desaxuste entre contido e forma.
Esta obra
recolle os mitos, costumes, símbolos, etc, da literatura tradicional. Isto
conleva unha aceptación na parte da recepción porque son fórmulas xa coñecidas
como a monarquía ou a simboloxía numérica, entre outras.
O narrador é un
elemento fundamental no xénero do conto xa que é quen vai debullando a
historia. Neste caso, o narrador masculino presenta un mundo ou un contexto
dunha sociedade patriarcal, monárquica, androcéntrica na que a muller é
invisibilizada até extremos como a figura da nai de Wendolina.
As protagonistas
non teñen características afastadas dos tópicos transmitidos durante séculos.
Cando se refiren á lúa fano como "parece unha tortilla" (pax. 21), propoñen
solucións a conflictos usando recursos alimenticios (para vencer ao monstro
propónlle que se faga vexetariano) e carecen de calquera habilidade que non
sexan as de ser superficiais ("O que máis lle gustaba á princesa/ era papar terróns de azucre/ e
enlamarse nas pozas", pax.1), raposeiras (só lle dá un nome ao
burro se vai con ela!) e con sensibilidade só para os olores (Titiritesa gosta de Wendolina porque: "Que ben cheiras!",
pax. 18) e continúan sendo son os homes os que inventan o TRUKULUTRÚ ou dan o visto
bo para o casamento ("Para
celebrar os novos lazos familiares/ Godofredo e Tartufo/ saíron de
paseo...", pax. 38).
O papel do
narrador, nestas circunstancias, afonda aínda mais no desfasamento entre o que
se pretende transmitir, as formas utilizadas e a linguaxe coa que se expresa.
Na páxina 13
"Titiritesa e Bufaldino
decidiron rescatar a Wendolina". Nótese que a única
"refén" é a princesa. A pesar disto, a Titiritesa díxolle: "Se deixas de papar nenos/ e nos
devolves a Wendolina..." O uso deste presunto xenérico
masculino, co seu correspondente salto semántico, neste caso, estalle restando visibilidade á
protagonista do conto inseríndoa nun colectivo sexista.
" Do Soño de Trampitán/foron
ao Soño Azul,/que estaba dentro dun baúl.// Mirando unha
para a outra/ volveron sentir aquel airiño trangalleiro.// Entón
déronse un bico doce como o mel.../e logo outro e outro.../tantos,
que xa non cambiaron de soño." (pax.27)
Este dez a dous
no xénero, non é anecdótico senón que se repite ao longo da obra. Resulta
rechamante a conta de formas de xénero masculinas nunha das páxinas centrais da
trama onde as protagonistas levan, desenvolven toda a acción e están soas na
escena. Aínda así, todo o que as rodea é masculino. Os países (Trasantonte. Pasadomañá, Soño de
Trampitán, Soño Azul), a predominancia en número de personaxes
masculinas ( 6 homes e 3 mulleres), os elementos da natureza, etc As
protagonistas están sendo colocadas nun escenario con humanos/seres masculinos
co que se consegue que a situación ao final acabe parecendo anormal.
Se extrapolamos esta
análise lexicométrica ao conxunto, observamos que de 295 palabras que hai na Titiritesa
con flexión de xénero, o 65,76% son masculinas mentres que o 34,23 % son
femininas. E non se trata só de xenéricos senón de formas cheas de contido como
rei, cabalo, xastre, burro, inventor, etc Esta estrutura repítese en todas as
páxinas chegando, incluso, a proporcións de 14 masculinos e 4 femininos (páx.
33) cando as protagonistas expresan o seu namoro e comezan a preparar a voda.
Sen embargo, temos unha excepción: a páxina 36( unha de corenta).
"Cando viu a Titiritesa/casando
con outra princesa,/ a Mandolina deulle un tantarantán/e caeu escarranchada./ A
raíña ergueuse de contado,/pero deulle un tintirintín e enfociñou./ E así sete
veces,/ até que lle botaron un caldeiro de auga fría/ para reanimala,/
Daquela,/ Titiritesa achegouse a súa nai e berrou:/ -TRUKULUTRÚ!"
Mandolina é a
"malvada"(como toda nai ou madrastra de conto), perdón, a nai da
Titiritesa: egoísta( non pensa na
felicidade da filla), intransixente( ela non acepta a voda mentres que o rei
Godofredo reacciona "algo
desconcertado pero feliz"- pax. 33), histérica e "parecía unha galiña
empolicada" (pax.38). De tres personaxes femininas, esta resulta
totalmente irrisoria e, xusto cando entra na acción e predominan os sustantivos
femininos é para destacar as súas características de "muller"
(recollidas da tradición sexista) dunha forma totalmente despectiva e
androcéntrica. As outras dúas personaxes femininas xa comentamos que se
caracterizan por ser superficiais e soñadoras.
Temos, polo
tanto, un conto que presenta un modelo de identificación non heterosexual
dentro dun contexto androcéntrico propio do conto tradicional no que os valores
continúan sendo os patriarcais. Este desaxuste provoca unha situación que, ao
final, resulta excepcional e, en consecuencia, non transferible á experiencia
social.
Comentarios
Publicar un comentario