![]() |
Eli Ríos |
Por Eli Ríos
Orlanda Amarílis
é unha escritora caboverdiana que publica os seus primeiros contos en revistas
como Certeza (1944) ou Claridade (1960), entre outras. É nestes
textos onde a voz desta narradora xa deixa albiscar que elas tamén contan na
escrita da historia porque "nascer homem ou mulher em qualquer sociedade é
mais que um simples fato biológico. É um fato biológico com implicações
sociais"( Christiane Klapisch-Zuber ) e, no caso das escritoras africanas,
estas implicacións son aínda maiores xa que, como dicía Alda Espírito Santo
,"a mulher africana é duplamente colonizada " por ser muller e por
ser negra.
Cais-do-Sodré té
Salamansa é o primeiro libro de Orlanda Amarílis e foi publicado en 1974. Xusto
nesa década, a de setenta, crucial para a construción da identidade
caboverdiana.
Cabo Verde ten a
peculiaridade de contar con mais habitantes residentes no estranxeiro que no
seu territorio pero as migracións das mulheres ata 1960 só representaban o 35%
do total. A partir dese período prodúcese unha feminización das migracións
e os últimos estudios feitos en 2009 por Cáritas, revelan que, por exemplo, o
85% da emigración a Italia desde Cabo Verde son mulleres. Este feito cambia
considerablemente o entramado social das illas e Orlanda Amarilis non é allea a
el. A identidade feminina comeza a camiñar ao lado da identidade nacional.
Amarílis aborda a
resistencia da muller caboverdiana dentro e fóra do arquipélago presentándoa no
seu día a día. Ata este momento os discursos de poder producidos sobre a muller
privilexiaban a ideoloxía e xerarquía patriarcal e propuñan o estudio do cotián
feminino desde o discurso masculino . O traballo de Amarílis dalle a volta
completamente: as "marcas femininas" articúlanse ao social e non ao
contrario (como acontecía nas obras de autoría masculina), procúrase o xeral a
través do particular, a nación a través da rexión, o coletivo a través do
individual. Orlanda Amarílis ve o seu pobo de emigrantes a través da muller e desde
a adversidade da súa condición ve unha adversidade máis xeral.
Á identidade da
nación súmase a da denominada de"xénero". Non se trata apenas de
representar Cabo Verde senón de construír a “maneira de ser" das mulleres
caboverdianas. E cal é segundo esta autora? A muller como suxeito da súa propia
existencia. As mulleres que quedan nas illas non están á espera do home que
marchou senón que, día a día, desenvolven pequenas loitas, micro historias, que
sacan o traballo adiante, alimentan familias e, incluso, desenvolven tarefas
como facer estradas ou a construción das casas cando os homes estaban
emigrados. Nas súas obras Cais-do-Sodré té Salamansa (1974), Ilhéu
dos Pássaros (1983) e Casa dos Mastros(1989) Amarílis négase a
reducir as mulleres a abandonadas, loucas ou viúvas de vivos e plasma a
resistencia das que fican e/ou a rebeldía das que emigran. Solitarias? SI!
pero subversoras dos modelos que as pretendiam submisas porque os feitos
cotiáns son os que mudan a Historia. Esta hermenéutica da vida cotiá, da
política, da sexualidade, da arte, da economía..., en Orlanda Amarilis, non só
procura visibilizar o feminino senón prender a identidade individual e nacional
á cultura domesticando o portugués como vehículo de expresión.
Nun artigo do Praza (marzo 2013), Teresa Moure comentaba que "a necessidade de insurreição
com respeito a um estado opressor, repressor e mentireiro, (...) está a
mover-nos (...) para adoptarmos estratégias múltiplas, inclusive a estratégia
ortográfica... que, certamente, não é menor." Esta "estratégia ortográfica" nos
contos de Amarílis ten dúas vertentes: Por unha parte, é ben visible o coidado
estilístico no uso do portugués ao tempo que, por outra banda, incorpora o
“papiâ” caboverdiano desde o mesmo título da obra. O portugués é enriquecido por palavras
crioulas e o discurso aproximase á fala de todos os dias dos caboverdianos. Non é unha escolla fácil a de
Orlanda Amarílis porque estas
"tensións" colocan en xaque a lingua dos colonizadores (patriarcal) e
deconstrúen a súa oficialidade dunha forma maxistral. Un bo exemplo disto é o
conto Nina:
É Nina, é. Conhece-a tão bem. Fora hóspede da tia de Nina, precisamente quando viera para se matricular em agronomia. Nesse tempo era uma piralha de tranças. Entrava-lhe pelo quarto para comerem juntos as pequenas guloseimas recebidas todos os meses e acondicionadas em caixas num canto do quarto. Assim se tornaram amigos e ele a conquistara ensinando-lhe a comer daquelas comidas: cuzcuz torrado com mel, doce de papaia, farinha de pau. (Cais do Sodré té Salamansa, 1991, p.22)
Este fragmento
ilustra o encaixe artístico amariliano que transita entre a formalidade (uso
do antepretérito) e o coloquial (É Nina, é/ piralha). A mestura
dos diferentes niveis lingüísticos desvela perspectivas sociais diferentes
nunha realidade na que a muller emigra para estudar agronomía sen esquecer as
súas orixes lingüísticas e culturais. A auto conciencia feminina do elo que une
a cultura deixada e a nova asimilada.
Orlanda Amarílis
é unha narradora neorrealista que recolle na súa ficción a complexidade do
feminino propoñendo un todo no que a identidade, o cotiá, etc, non só son
conceptos baleiros senón que apousentan as súas raíces na cultura, sociedade,
lingua... conflitos e multiplicidades totalmente vixentes na actualidade
incluso en latitudes por riba do ecuador.
Orlanda Amarílis. A voz de muller africana, negra e colonizada.
Reviewed by segadoras
on
19:45:00
Rating:

Ningún comentario: