Complicidade no olhar

Alberte, O´ Roxo

Por Andrea Nunes Brións

Escribo hoxe dende a cociña, recén rematado de ler o libro Voçe sabe e eu conheço. Cumplicidade no olhar, compilación de textos escritos por Rosa Bassave, e recollidos por parte do movemento feminista galego, ou pola “comisión de feministas nas rúas” como así se deixan chamar no limiar, mentres se coce a lume lento un arroz para tentar facer a receita do “sushi” que Rosa compartiu con todas nós neste libro, e pensando en como abordar estas liñas, que se mostran complexas por todo o universo que Rosa representa.


Un universo de loita, de reflexión e coidados que décadas despois, aquí a indignación, seguen sendo de tremenda actualidade. En tempos de retroceso, onde as grandes loitas sociais de base están sendo tripadas e esmagadas é obrigado preguntármonos pola fraxilidade dos nosos dereitos básicos, que tantas outras conseguiron no pasado, e que agora están sendo denigrados. Por isto a importancia de libros como este.

A escolma recolle textos de non tan sinxelo acceso, tirados de publicación como Andaina, Marea Negra, Festa da palabra silenciada, Arco da Vella, (A)narquista...inclúe escritos de carácter político, poemas inéditos e receitas de cociña. Algo inusual, que só pode vir dunha clara perspectiva feminista de calado profundo onde se valora a cociña como un acto revolucionario.

O volume ábrese cun limiar torrencial das compañeiras que partillaron con ela diferentes espazos, explicando así as intencións que lles motivaron para nos agasallar co libro; facer perdurar a voz e o pensamento de Rosa, visibilizar as súas reflexións e creacións e así deixar constancia para nós continuar o seu labor.

O seu universo, dicíamos, prepáranos para o cambio, para non esquecer, unha voz atravesada polo feminismo, o anarquismo, e a solidariedade internacional, pasando pola defensa do propio, da lingua galega e o noso entorno natural.

A nosa Rosa, ou María Balteira, alcume que usa moitas das veces, achéganos ao pensamento de mulleres importantes dentro da historia do feminismo e do anarquismo como Emma Godman e o seu “vivindo a minha vida”, ou mulleres “da revolución social” como a francesa Louise Michael ou Lucía Sánchez Saornil.

No libro; Poemas da autora escritos nos seus últimos momentos, coa valentía e a forza de quen asume o futuro sen medo; Artigos feministas, que exploran temas como o parto natural, a independencia, o aborto na Galiza, a prostitución...ou a situación das mulleres do mar, na sociedade, no traballo, nas relixións, etc ; Receitas de cociña natural: cachelos, patés vexetais, falafel, mousse de espinafres, sushi, guisados, etc; Reflexións anarquistas, revelándonos historias de anarquistas galeg@s, o republicanismo coruñés, recordando a memoria das casas anarquistas, etc; Tamén artigos de solidariedade internacional: Colombia, Arxelia no corazón ou “Nem guerra que nos mate nem paz que nos oprima”...e para rematar, a guinda do pastel, un texto de creación “A man sabia” que nos deixará exhaustas no percorrido, cun sorriso nos 
beizos.

As que a coñeceron saben que a súa vida foi o reflexo de todas estas loitas, que na súa pel levou inscrita a convicción de que só partillando os coñecementos, saíndo a rúa, poderemos derrubar un sistema inxusto e non igualitario.

Esta é a mellor receita que nos deixou, esa mistura de idearios para nos alimentar, receitas para construírmos un mundo novo, un legado solidario, feminista e libertario que hoxe recibimos neste banquete en forma de libro.

Nota: O 9 de marzo deste ano, o movemento feminista galego presentou o libro nun acto colectivo de lembranza a Rosa, na biblioteca Concepción Arenal da USC, onde moitas persoas achegáronse para partillar historias e emocións. Xunto co volume, presentouse, un vídeo editado por Uqui Permui que podedes ollar neste enlace; http://www.youtube.com/watch?v=tv413qiAdX0. Marabilla nos últimos fotogramas que nos lembran a “Alfonsina y el mar"...

Comentarios