![]() |
Eli Ríos |
Por Eli Ríos
É probable que
despois desta confesión pública comece escoitar rexoubeos ás miñas costas e é
comprensible. Non me asustarei nin pensedes que o tomarei a mal. Non todos os
días alguén comete unha asneira digna de ingreso psiquiátrico. Si, lin de cabo
a rabo as 1800 páxinas da triloxía de moda. Si. Que si. Si, muller, si. A
romántica, sensitiva, erótica e totalmente adictiva Fifty Shades of Grey.
Esa que devoran as mulleres. A mesma que os xornais inseren no xénero literario
de "porno para mamás".
Direi no meu
descargo que son filla do pensamento sistémico e "engancheime" desde
a primeira liña do primeiro volume na que a protagonista di: "I scowl with
frustation at myself in the mirror". Comprenderedes que xa tiña a
semiosfera particular de Anastasia Steel (a prota) pero precisaba encontrar
"o todo" para chegar a delimitar as redes e as relacións sociais e
culturais.
Engadirei,
ademais, que son lectora compulsiva e se son capaz de ler as instrucións dos
mobles de Ikea isto non faría moita diferenza, ou si?
Seguindo a
terminoloxía de Greimas, a estructura é "de libro": nun nivel
profundo disponse en aserción e negación e a partir de aí a narración explica
as diferentes relacións entre os obxectos. O realmente interesante está por
vir: Como se artella a configuración discursiva?
Desde a escrita
non sei como se organiza porque non coñezo (nin coñecerei) moito esta autora. O
que si vos digo é que o lado da lectura está a un paso do alcoholismo ou dos
ansiolíticos.
A novela conta
as aventuras dun home supermegaricopoderosoincreible (con helicóptero persoal
e todo) e unha megasuperadolescente de vinte e tantos estudante de literatura,
supervirxe e cos cartos xustos para ir tirando. Unha historia mais do príncipe
ou dunha Pretty Woman, como tantas outras, só que con Mercedes, Audi's,
helicópteros, iates en Mónaco, pesca no chalet de Aspen e demais (Wow!).
Un clásico actualizado e cunhas pingas de fetiches sexuais descafeinados.
A construción da
masculinidade patriarcal desta obra é o que me ten intrigada e abraiada.
Nalgún momento
da lectura cheguei a inventar a miña propia quimera na que esas "porno
mamás" son dummies até que les os comentarios sobre a obra.
Entón, xa non sabes se meter a cabeza
dentro dun pote e non sair mais ou emigrar para onda os pingüíns e conxelar as
poucas esperanzas que che quedaban sobre a humanidade.
Poñamos un pouco
de sentidiño... De verdade que hai quen lle di ás rapaciñas que un home ten
dereito a controlar as túas chamadas, movimentos, o teu anticonceptivo,
dicirche que roupa debes pór ou como e en que ton é obrigatorio que expreses o
teu pracer sexual? Pois si.
Non só nas
familias e grupos de lecturas se ve como normal que a parte masculina do enredo
lle diga á feminina que se non lle fai de comer terá que castigala ou que leve
a muller cal troglodita polo medio da rúa como se fose un saco de patacas. Non
só... senón que este nadal pasado, fixéronse grandes campañas de mercadotecnia
para aumentar as vendas da triloxía e continuar aprendéndolle ás novas
xeracións (a través dos adultos lectores) que as mulleres debemos procurar un
home rico que nos bata e nos teña en casa (os xefes de Anastasia son
violadores) até empreñarnos porque diso depende o noso desenvolvemento como
persoas.
Non estamos a
falar dun libro calquera. Fifty
Shades of Grey leva vendidas máis de 31 millóns de copias. É moita xentiña
fabricando un mundo no que os mercados fan unha apoloxía encarnizada da
violencia de xénero hipotecando futuros a un interese demasiado alto: o da
propia vida.
Pois, se 1800!!! páxinas xa me perecían moito para ler, agora con esta crítica nin sequera intentarei forzar a miña incipiente presbicia nese libro.
ResponderEliminarSe a estas alturas do Siglo XXI (do calendario gregoriano) unha novela do estilo "Pretty Woman" é un "Best Seller", algo está mal na cabeza de certas persoas o a forza do comercio supera a razón.
O estraño é que sexa, precisamente, unha muller a que imaxina e escribe un libro con tonalidades tan absolutamente machistas.
Carilisve: A verdade é que o tema é sangrante. En toda a obra hai unha "cousificación" constante da muller que reproduce patróns totalmente anacrónicos e perigosos.
EliminarO protagonista, Grey, ten esta "desviación" sexual debido a que era fillo dunha "crackhead whore". Voltamos, outra vez, ao pecado orixinal onde a muller é responsable de todos os males. Por se este cualificativo non fose suficiente, en toda a obra só se refiren á nai da protagonista como "crackhead whore". Sen nome, sen identidade, invisible total.
Como ben dis... a forza do comercio...
Hai que recoñecerche o valor para lelo enteiro!!!
ResponderEliminarNon sei que me preocupa máis, se pensar en que haberá nais que perpetúen este modelo con toda a tranquilidade do mundo, ou que de verdade a industria literaria pense que as "mamás" somos todas así e estes son os nosos gustos...
Con só procurar na wikipedia encontramos na definición de novela: "relato complexo en prosa, normalmente extenso, que narra unha acción ficticia e expón relacións, accións e condutas humanas". Cando esquecemos o de "acción ficticia" pasan cousas como a morte da muller alemana.
ResponderEliminarSe ledes a noticia non vos angustiedes con iso de que a muller pasou dous días en coma antes de morrer polas lesións cerebrais porque a continuación xa nos explican cales son as/os candidatas/os para protagonizar o filme que se vai facer sobre esta obra. Esa si que é a noticia importante.
- http://www.lavozdegalicia.es/noticia/informacion/2013/01/28/50-sombras-grey-muere-joven-tratando-imitar-practicas-sexuales-descritas-libro/00031359381168928341936.htm
- http://www.dailymail.co.uk/news/article-2269109/Swedish-man-stand-trial-Fifty-Shades-Grey-sado-masochistic-sex-game-death-girlfriend.html
A mín gustame ler é gustaríame facelo mais a miúdo a cuestión é o tempo.... en fin o caso é que por curiosidade lin o 1º desta triloxía... o 2º a medias.... o que non acabo de entender é como dín algunhas (porque é de lectura femenina )din que o volven a ler, pareceme un libro moi machista, sexista e sumisión total, nos tempos que vivimos que parecían que medraban neste senso. Non sei eu esta escritora o que maquinou na sua cabeciña pa sair semellante lectura....eso buscaría éxito ..
ResponderEliminarMariló: Unha media verdade é mais perigosa que unha mentira. Neste caso aproveitase o BDSM e extrapólase o concepto de sumisión a todos os aspectos da vida. É como se che digo que como me gusta comer laranxas cando deixo de comer laranxas son unha laranxa...
EliminarTotalmente de acordo contigo: buscaría o éxito. De feito hai publicadas un par de entrevistas ao editor desta obra nas que explica que se fixo unha campaña de deseño e mercadotecnia moi importante para aumentar as vendas...
Eli, eu tamén lin os dous primeiros e a verdade que a primeira vez que me puxen non puiden continuar, logo, unha amiga dixo que debía lelos e alá empecei con eles. Non é para nada crible o que alí se pon pero a verdade que pasas un anaco agradable e entretido, non hai que pensar moito e eu creo que é por iso que ten tanto éxito, porque a xente hoxe en día non quere pensar e prefire desconectar e por iso vende tanto este tipo de libro, que non novela... ou mellor dito, historia de longa duración e lonxe da realidade da xente normal.
ResponderEliminarAnónimo: e vender, venderá pero mira o legado que vai deixar. Concordo co que dis da xente que quere desconectar pero non penso que esa actitude leve a ningún sitio e dame moita raiba!
ResponderEliminarEli, estupendo artigo! Sóupome a pouco. A ver se un día te extendes para seguir dándolle "no lombo" a este libro. Xa está ben e é preocupante que as fantasías non evolucionen. Mal síntoma, abofé.
ResponderEliminar