Non máis tecermos soias as nosas teas

María Reimóndez

Por María Reimóndez

Adoita ser habitual nos estudos da literatura tentar agrupar as escritas conforme a unhas etiquetas sistemáticas que busquen puntos en común e permitan estudar e tirar sentido dos textos literarios nos seus múltiples contextos vitais. Adoita ser habitual tamén que nesas agrupacións e percorridos a presenza das autoras quede reducida, no mellor dos casos, ao anecdótico. As autoras e as nosas obras, polo que parece, semellamos ser orfas dos nosos tempos, sexan estes cales sexan. A literatura galega e máis en concreto a historiografía non foi allea a estes procesos chegando a producir fenómenos tan curiosos como a eliminación da historia de Néveda de Francisca Herrera Garrido, que dialoga directamente con Maxina ou a filla espúrea, de Valladares, como ben sinalou a teórica Kirsty Hooper, ou o “fenómeno” das chamadas poetas dos 90, amplamente estudado por Helena González, sempre nun curioso illamento, como se a eclosión das voces das mulleres no poético para reclamar os nosos corpos saíse dun nada ermo e espontáneo. Isto por mencionar só dous exemplos. Fronte ás visións da historiografía literaria patriarcal tan adepta ás “xeraciÓns” e, como dicían as Guerrilla Girls, a meter ás mulleres nun apéndice, a crítica feminista foi desenvolvendo unha serie de ferramentas de maior complexidade para intentar analizar e contextualizar os textos literarios cos seus tempos. Unha das ferramentas críticas máis importantes neste sentido foi a chamada xinocrítica, iniciada en occidente por Elaine Showalter e que nun principio analizaba a escrita das mulleres como unha tradición literaria en si. Esta corrente foi logo criticada por esencialista, dado que loxicamente non por ser muller unha pertence a ningunha tradición en concreto, pero si abriu novas interpretacións e interrogantes á hora de establecer cal é o lugar das autoras no canon, na crítica e nas historiografías.

Grazas á xinocrítica podemos hoxe analizar como as mulleres, igual cós homes, crecemos nunha tradición literaria patriarcal na que se dá valor a certas formas de escrita, contidos e temas. Isto leva a que, ao longo da historia e na actualidade, moitas mulleres buscasen escribir segundo os cánones patriarcas establecidos para obter o beneplácito do sistema literario. Mais o importante da xinocrítica foi visibilizar as tradicións subversivas das autoras que se negaron a seguir eses criterios de valor e as relacións que se entretecen entre os seus textos, algo que escapa do concepto “xeración”, moi medido en escalas temporais, e tira máis do de “tradición literaria” como pertenza consciente a un colectivo que vai confeccionando un patchwork diverso pero a fin de contas a mesma peza. 

En Galicia a escrita subversiva da tradición conta co caso senlleiro de Rosalía de Castro, que no seu tempo escribiu xa fóra do que se consideraba literariamente “de calidade”, con formas que levaron a denominala “tardo-romántica” ou a desbotar a súa obra en prosa por “panfletaria” ou “sentimental”. A súa escrita, por moitos intentos de apropiación, algúns deles extremadamente recentes por desgraza, está tamén enmarcada dunha forma grandemente consciente nesa tradición subversiva mediante o recoñecemento dunha xinealoxía á que fai referencia mediante prólogos e citas. Contar cunha xinealoxía é vital para o presente porque sen referencias, tecemos unha e outra vez soias a nosa tea, como unha penélope torresiana que tamén navegar pero sen tripulación nin cartas mariñas. Na nosa literatura queda un traballo de xinocrítica fundamental por facer pois son moitas as excluídas e orfas ou as introducidas en apéndices, dando sempre a sensación de que “non hai”. Mentres este traballo non se faga a nosa literatura, no canto de ser un patchwork poderoso e colorido, en diálogo cunha sociedade lectora, non pasará de ser o triste funil duns poucOs.

Comentarios

  1. por que non lle botamos un ollo a AVELINA VALLADARES...?

    ResponderEliminar
  2. hai tantas escritoras ás que botarlle un ollo, david! grazas por deixar a avalina valladares inscrita aquí, tomamos nota!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario