![]() |
María Reimóndez |
Por María Reimóndez
Calquera sistema literario fala tanto dende a
voz como dende o silencio. Sen dúbida o silenciamento crítico de certas obras
axuda a entender sobre todo o sistema que as expulsa e o seu carácter
perturbador para as identidades hexemónicas e construtoras da nación. O
silencio xeral ante as obras escritas por mulleres en xeral e moi en particular
daquelas escritas dende unha óptica feminista e lesbiana indica unha
incomodidade que marca textos como este do que hoxe nos ocupamos, A
semellanza, de María Xosé Queizán.
O silencio ten como efecto precisamente
erradicar a semellanza, crear a ficción do inicio perpetuo, de non termos
ninguén nunca a quen parecérmonos e fomentar a cansativa declamación recorrente
por parte das autoras das nosas referencias. Mais o certo é que obras
posteriores que foron celebradas como feitos (post) modernos tales como Benquerida
catástrofe de Teresa Moure ou as obras de Lopo e Queipo non poden
entenderse sen A semellanza. Estas cuestións que foron analizadas xa en
profundidade pola crítica académica deben saír ao debate máis xeral da crítica
literaria que chamaremos de divulgación.
É neste tipo de crítica onde a obra ten a
capacidade de aparecer diante das súas potenciais lectoras con algunhas claves
de lectura que amosen o interese dunha certa proposta. Sen dúbida A
semellanza ten suficientes puntos de interese para recibir a atención non
só académica senón das lectoras galegas. Primeiro, porque nesta obra Queizán
amosa a súa tremenda capacidade para levar unha idea filosófica, a da busca da
semellanza (con todos os ecos Freudianos e sobre todo Lacanianos que queiramos
imaxinar), a unha narración imbricada na máis pura contemporaneidade. A
problematización da sexualidade e do xénero maniféstase n'A Semellanza
nun retorcer ata o extremo a aleatoria dicotomía entre o corpo e o xénero
asignado socialmente mediante un personaxe central que muta nos sentidos máis
fondos do termo.
Queizán artella a súa crítica ao discurso
heteropatriarcal a través da historia de Juanjo, un mozo de boa familia
luguesa, que pasa de vivir unha vida impostada de casado a explorar a súa
identidade primeiro como home homosexual ata pasar pola transexualidade e o
lesbianismo. Así, a semellanza cobra tamén o sentido metafórico da busca da
igual, do amor pola igual, tan presente nas teorías gais e lesbianas. Así, a
obra de Queizán abre un diálogo coas teorías sobre os corpos e sobre a
sexualidade que as feministas lesbianas levan tempo debatendo. Esta obra non é
comprensible, por exemplo, sen as reflexións de Judith Butler sobre a
performatividade do xénero. Queizán, moi lonxe das interpretacións habituais da
súa obra, non escribe unha “novela de tese”, senón que experimenta o social nos
seus personaxes levándoos aos puntos máis extremos, como quen tira dunha idea
ata o momento máis absurdo, o único momento onde esa idea se examina na súa
totalidade. Esa totalidade da obra de Queizán é a esencia d'A semellanza.
Mais o diálogo desta novela co marco feminista
máis amplo tamén o atopamos na súa relación coas teorías do abxecto de Julia
Kristeva dado que o corpo de Juanjo se converte nunha metáfora que pon en xaque
a heterosexualidade obrigatoria da que falaba Adrienne Rich. Pero a
complexidade da obra non remata aí, pois a viaxe de Juanjo dende o seu Lugo
natal a Barcelona e Marrocos antes de regresar á orixe fai que o xénero tamén
estea unido ao lugar dunha maneira fondamente crítica. Esta novela, ademais,
interpretada en moitas ocasións como pesimista, en realidade sinala co dedo a
unha sociedade que, naquela altura e en grande medida tamén na actual, non
permite a expresión da identidade das persoas fóra de certos patróns de xénero
establecidos.
Mais os valores desta obra son tamén outros.
Dende a densidade da forma de narrar ata os antolóxicos diálogos nos que cobran
vida os ambientes homosexuais do tardofranquismo e da transición nunha cidade
como Lugo, os espazos de prostitución de Barcelona ou mesmo o ambiente xa
decadente e orientalista de Marrocos. A linguaxe d'A semellanza está
viva en cada palabra e polo tanto cada palabra conta. Resulta complexo atopar
novelas onde os espazos resulten tan palpables e os diálogos tan acaídos,
próximos na súa verosimilitude ás mellores partes d'A esmorga.
Ante todo isto unha volve á cuestión do
silencio. Silenciar unha obra como A semellanza implica silenciar todo
un marco filosófico sen o cal o mundo xa hai tempo que non é comprensible, por
moito que haxa que turre por ficar en vieiros obsoletos e trillados. Por sorte,
nunca é tarde para volver aos textos, sobre todo a aqueles que nos falan de
igual a igual, como semellantes.
O silencio que buscaba erradicar a semellanza
Reviewed by segadoras
on
20:20:00
Rating:

Adoro!
ResponderEliminar