Por Beatriz Suárez Briones
"@s 'queer' non
somos outra cousa que bo@s lector@s".
(Cindy Patton)
A cultura
patriarcal é, entre outras cousas, unha cultura da fratría (ou “cultura do
entre-homes”, como a definiu unha das súas grandes deconstrutoras, Luce
Irigaray). Nela, para ser, individual e colectivamente, as lesbianas fomos
desenvolvendo unha mirada especial: a antena
é o noso particular detector de lesbianas, unha ferramenta coa que lesbianizar
o mundo; e lesbianizar é unha estratexia interpretativa, unha forma de lectura
que nos permite entender: ao mesmo
tempo hermenéutica e acto de supervivencia nun mundo homófobo.
Ao longo dos anos
a crítica literaria lesbiana usou tres criterios, ningún excluínte, para
contestar á pregunta que é a literatura lesbiana:
1. autoría: escritura lesbiana é a que escribe unha escritora
lesbiana. Problemas: non todas as escritoras lesbianas escriben literatura
lesbiana; ademais, esta perspectiva só será válida se temos a certeza do
lesbianismo dunha escritora; de aplicar este criterio, a historiografía
lesbiana sería practicamente imposible. A palabra “lesbianismo” (e “lesbiana”)
só pode usarse con rigor histórico para referir a experiencias sexuais entre
mulleres dende comezos do século XX; antes, é anacrónica e un exemplo de
presentismo perverso. Por outra banda, confundir literatura e vida real, obra e
autora é un erro descomunal: a literatura lesbiana non vai de escritoras lesbianas. Os problemas críticos que presenta
este criterio son tantos que, directamente e para min, o invalidan.
2. tema: literatura lesbiana é a que trata
historias lesbianas. Para a escrita contemporánea a teoría lesbiana adoptou
unha decisión certamente política: a literatura lesbiana escribe o corpo
lesbiano. Formular o corpo lesbiano como modelo de identidade lesbiana é un
acto de demolición do modelo único que a cultura ofrece como paradigma de
norma(lidade) social, psíquica e lingüística; o contrato (hetero)sexual produce
dous sexos complementarios e
relaciona xerarquicamente a homes e mulleres. Nesta construción dicotómica (a
matriz heterosexual, que di Juddith Butler; a heterosexualidade obrigatoria,
que dixo Adrienne Rich), “muller” é un signo exclusivamente heterosexual. A
dualidade home/muller exclúe absolutamente á lesbiana. É por iso que Monique
Wittig pode afirmar convincentemente que as lesbianas non somos mulleres. A
lesbiana non-muller de Wittig, ademais de crear un novo suxeito político
posxenérico, permitiunos fuxir da excesiva romantización da identidade entre
mulleres, da utilización dun concepto de identidade baseado fundamentalmente no
anatómico e que ignora outras formas de diferenza entre mulleres. Tamén o
protagonismo que teñen nas prácticas simbólicas e nas eróticas os xogos de
roles e as masculinidades de muller ou o SM lesbiano formula novos retos á
utilización dun concepto de identidade restritivo e inxenuo.
3. recepción: á pregunta que é un texto lesbiano tamén podemos
responder subliñando o papel da lectura e da lectora: un texto lesbiano é o que
a lectora lesbiana decide ler como
tal. Problema: ¿existe acaso un modo de
lectura lesbiano? De ser así, este modo de lectura é, obviamente,
aprendido. Implica isto que calquera persoa pode aprender a ler lesbianamente e, polo tanto, ler como
una lesbiana? A teoría da
recepción mantén que ler como é una
estratexia interpretativa: se quen le só puidese ler como o que é toda lectura
sería solipsista e todos os textos hermeneuticamente inaccesibles excepto para
quen xa estivese dentro do círculo pechado da comunidade interpretativa que
fose. E cales son as pistas, os indicios lesbianos nun texto? Cales son as
marcas textuais comprometidamente lesbianas do corpo lesbiano? Unha delas é o camp, anti-realista na súa preferencia
polo artificio, pola ironía e a parodia, desnaturalizador e deconstructivo
sempre nas súas formas de enunciación por
exceso do xénero como mascarada, como
actuación; deste punto de partida podemos tentar dous camiños tremendamente
produtivos: un, a teoría sobre o corpo carnavalesco derivada da obra de Mijail
Bajtin; outro, a teoría da abxección de Julia Kristeva. O corpo carnavalesco é
un corpo excesivo, aberto, dionisíaco, pantagruélico, apocalíptico (en
oposición ao corpo clásico, impoluto, elegante, pechado, estático, apolíneo); é
un corpo fluído, secretante, abxecto.
Dende aquí o suxeito lesbiano, o corpo lesbiano, son un activo facerse a si mesma (por tanto:
construción consciente e ideolóxica, é dicir, política) contra os modelos
impostos da feminidade canónica, un antimodelo profundamente contracultural
cuxa mera existencia visibiliza o papel modelizante e ultraconservador do
canon. Este corpo lesbiano resiste, esaxera e desestabiliza as fronteiras que
manteñen no centro hexemónico á cultura –no sentido máis amplo do termo- e as
súas institucións, sen as que a orden social sería imposible. O suxeito/corpo
lesbiano é indócil, esaxerado,
intemperante, transgresor ás leis da diferencia sexual. Un suxeito/corpo
posxenérico sen ningunha dúbida. Neste e deste mundo pos- vive e toma forma o lesbiano: creación tan intencionada e
ideolóxica como a literatura.
Ler, escribir lesbiana(mente)
Reviewed by segadoras
on
20:42:00
Rating:
Parabéns dum home hetero, [bem]educado por mulheres que luta, no que pode, contra o patriarcado nacional-católico espaÑol; que se esforza por tirar toda a merda que lhe meterom na cabecinha @s obscurantistas.
ResponderEliminarObrigadinho dum simpatizante coa vossa causa, a das mulheres conscientes e consequentes, que acha que tamém é a causa da Justiça da Verdade, da Naturalidade primigénia da nossa espécie, da Physis sem nómoi alizerzados na força física, na violência.
O proletariado na Galiza foi, no começo, exclusivamente feminino, as trabalhadoras das conserveiras e tabaqueira. A nossa Classe na nossa Naçom tem ovários.
Sem mulheres nom haverá revoluçom!
Saúde para todas
oleiros70
obrigadas!
EliminarParabéns dum home hetero, [bem]educado por mulheres que luta, no que pode, contra o patriarcado nacional-católico espaÑol; que se esforza por tirar toda a merda que lhe meterom na cabecinha @s obscurantistas.
ResponderEliminarObrigadinho dum simpatizante coa vossa causa, a das mulheres conscientes e consequentes, que acha que tamém é a causa da Justiça da Verdade, da Naturalidade primigénia da nossa espécie, da Physis sem nómoi alizerzados na força física, na violência.
O proletariado na Galiza foi, no começo, exclusivamente feminino, as trabalhadoras das conserveiras e tabaqueira. A nossa Classe na nossa Naçom tem ovários.
Sem mulheres nom haverá revoluçom!
Saúde para todas
oleiros70